Parladoiro en Trasalba


O espectáculo das candeas. Cos castiñeiros floridos no souto de don Ramón, un ano máis os amigos do patriarca das letras citámonos en Trasalba, na casa grande de Cimadevila, para lembrar a memoria do escritor e homenaxear a persoa dun oteriano de pro, nesta ocasión acaso o derradeiro oteriano, que traballou co autor de Arredor de si, Devalar, Os camiños da vida, A romaría de Xelmírez, Polos vieiros da saudade, O libro do amigos, obras todas cimeiras, por non poder dar máis referencias, coas que a nosa literatura entrou pola porta grande do século XX e deixou pegada en varias xeracións.

 Lembro a primeira vez que lin o Ensaio histórico sobre a cultura galega (1930), un libro dunha modernidade admirable: admirable no seu tempo e admirable para os que viñemos despois, cheo de suxestións e de sabedoría. Diría eu que sabedoiro tamén: de sabor... Ou o Libro dos amigos, publicado por primeira vez no ano 1952, conxunto de biografías de personalidades que por unha razón ou por outra deixaron memoria no autor e, por extensión, en todos nós: Noriega Varela, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Alexandre Bóveda, Castelao, Antón Villar Ponte, Marcelo Macías «don Marcelo», Enrique Peinador, Víctor Casas, Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres, varios deles traxicamente asasinados (inmolados, diría Isaac Díaz Pardo) nos días terribles do 36, que o autor lembra e enaltece nos primeiros anos cincuenta, en plena ditadura, co sentido da dignidade e da lealdade que sempre o caracterizou. O libro publicouse en Buenos Aires, pero os riscos eran os mesmos para quen residía aquí.

Ler a Otero é sempre unha forma de distinción. O profesor Carlos Baliñas, a quen agasallamos nesta edición do Premio Trasalba, preparou no ano 1973 unha ampla escolma da obra que o noso autor publicou nos xornais ao longo da súa vida. O artigo máis antigo é de 1922. Son case 150 traballos procedentes de fontes moi diversas, dende A Nosa Terra das primeiras década do século, ou El Pueblo Gallego e o xornal Galicia de Vigo, a cabeceiras máis próximas, pasando pola prensa da emigración e as emisións en lingua galega da BBC. O título que escolleu o profesor Baliñas, Parladoiro, era o da cabeceira que durante anos acolleu os traballos do Otero nas páxinas do xornal compostelán La Noche/El Correo Gallego, nalgúns casos auténticas xoias do xénero, tan esixentes como orixinais. Editorial Galaxia publicara a primeira edición deste libro coincidindo co 50 aniversario da voda de don Ramón coa súa dona, Josefina Bustamante. Un galano de amigos. Actualizado, volve estar agora nas mans dos lectores. Cunha característica que lle dá valor engadido e que o profesor Baliñas coidou con especial intención: trátase dunha escolma realizada en colaboración e coa asesoría en vida do propio autor.

Por Víctor F. Freixanes Presidente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Parladoiro en Trasalba