Galiza, desaparecida


Ofiniquito do Banco Pastor súmase ao das caixas de aforro e deixa como balance unha Galiza á deriva en termos financeiros, coa complicidade e pasividade de Feijoo, que en apenas nove anos axudou a liquidar o noso sistema financeiro e puxo o aforro galego en mans foráneas.

A operación Popular-Pastor -unha nova modalidade de estafa bancaria- afonda na estratexia de centralización e concentración decidida desde Madrid, co apoio das forzas políticas do status quo, e deixa Galiza como a única nacionalidade histórica sen entidades bancarias propias. A perda das caixas e agora do Pastor non foi indiferente á creba de moitas empresas ou á falta de apoio a moitas iniciativas que contaban, para o acceso ao crédito, do vínculo social e territorial preferente destas entidades.

É certo que a economía non depende só da acción dun Goberno, mais un Goberno pode actuar e influír nela. O problema é que Feijoo carece de política económica, igual que carece de política de país: converteu a Xunta nunha xestoría ao servizo de intereses alleos. Das infraestruturas ás pensións, do financiamento á xestión dos recursos, en todas as grandes cuestións, o Estado trata a Galiza como un territorio de segunda, mais Feijoo cala e asinte.

Renunciou a actuar como presidente do Goberno galego para ser simple delegado en Galiza das grandes empresas que financian ao seu partido. Fíxoo co plan eólico, coa tarifa eléctrica ou coa AP-9. O problema é que os intereses das e dos galegos non son os de Villar-Mir, Iberdrola, ACS, ou tantos outros nomes que aparecen nos casos de corrupción do PP investigados pola Xustiza.

Diante da decapitación económica e financeira de Galiza, Feijoo mantén unha actitude pasiva, cómplice e irresponsable, nas antípodas do que debe ser o comportamento dun presidente digno de tal nome. A súa posición é a dun político sen ambición para o seu propio país, que en vez de exercer o autogoberno encomendase á «sensibilidade» dunha banca que só atende aos seus negocios, cruzado de brazos ante a destrución do tecido produtivo e do poder económico de Galiza.

Hoxe na Xunta o baleiro de ideas é clamoroso: nin hai capacidade política nin hai proxecto de país. Nun contexto que esixe política de altura, abrir o debate sobre o modelo de sociedade que queremos ser, Galiza está desaparecida. Que horizonte de país compartido se nos ofrece? Onde está a capacidade para enfrontar os retos económicos, sociais e culturais que temos diante? Como mellorar a capacidade produtiva, garantir uns servizos públicos universais e de calidade, deter a emigración e o desemprego, abrir oportunidades á nosa mocidade e recuperar a certeza de que ningunha persoa, por moito que a vida se lle torza, vai quedar tirada?

Feijoo non ten respostas porque nin sequera se formula as preguntas. Galiza carece de estratexia de país nos grandes temas. Non existe -e resulta vital a súa activación inmediata- unha axenda propia, galega, ao redor das grandes cuestións que poñer en común en beneficio da nosa sociedade.

Temos que mudar o rumbo. Precisamos un Goberno galego que se faga e nos faga respectar como pobo. E precisamos altura de miras para elaborar unha proposta de país próspero, inclusivo e compartido. Teño a firme convicción de que os galegos e as galegas, se nos unimos, somos quen de conseguilo. As solucións aos nosos problemas non virán de fóra.

Autor Ana Pontón Portavoz nacional do BNG

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
36 votos

Galiza, desaparecida