Indignación e pena


Vai resultar certo iso que circula polas webs de que encargarlle a un banco que garde o teu diñeiro é como poñer a un raposo de gardián dun galiñeiro. 

Aínda cando me esperto pola mañá creo que foi un mal soño que as accións do Banco Pastor que me deixaron os meus pais e que eles conseguiron con tanto esforzo desaparecesen sen deixar rastro, e sen que ninguén dese unha voz de alarma. E tamén me parece un mal soño que o presidente do Goberno e os seus ministros estean tan satisfeitos e digan que a operación non vai custarlle nin un euro aos contribuíntes. Ou sexa, que os miles de accionistas do Popular, vendido ao Santander por un euro, non somos contribuíntes, polo visto. Significa iso que o ano próximo non teremos que pagar impostos a Facenda? Pois non; sinxelamente somos un insignificante dano colateral, que só empezará a preocupalos cando cheguen unhas eleccións e haxa que rapiñar votos.

As miñas accións eran do Pastor, herdeinas, e non as vendín cando estiveron moi altas pola mesma razón pola que non vendo a casa onde os meus pais viviron: porque quería deixarlles aos meus fillos, que naceron e viven e traballan en Madrid, ese vínculo coa miña terra.

Non puido ser: os raposos non entenden de sentimentos, zampan as galiñas e tan contentos. Pero os que participaron nesa operación podían, polo menos, mostrarse menos satisfeitos co degolo.

Votación
44 votos

Indignación e pena