O limón

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Julito non sempre di a verdade. El négao. Porén, os da cuadrilla collémolo algunha vez en embustes diminutos. Non importa. É o único que fai chorar ao Juan Ramón coa risa. A última, o pasado sábado, tomando o vaso do mediodía na terraza do Luis. Non sempre sucede. Algunha vez o Juan Ramón pon mala cara. Aconteceu, por exemplo, cando nos contou que encontrara unha carteira chea de billetes e co DNI do propietario. Dixo que chamara a Raquel González, a presentadora de La tarde es tuya en Radio Voz, un programa pleno de enerxía e optimismo. «Quen chama?». «Julio do Salgueiro», contestou o noso amigo, e continuou: «Raquel, encontrei unha carteira cargada de diñeiro e cun DNI a nome de Bernardo González». Raquel sorprendeuse pola confesión e botoulle máis dun piropo ao Julito. «Nestes tempos é todo un detalle que alguén chame para devolver diñeiro», dixo a magnífica presentadora. Julio repondeu: «Non, non, Raquel. Eu estoulle moi agradecido ao da carteira e só chamo para dedicarlle unha canción». Obviamente, era mentira. Seino sen necesidade de preguntarlle a Raquel. O Juan Ramón non chorou da risa, só dixo: «Julito, non te creo». O pasado sábado, foi outro cantar. Comentaba o Julio a súa estancia en Celeiro. Falaba moito cos pescadores e alí descubriu o segredo de cómo saber se o peixe dos mercados é fresco. «Como?», preguntou o Juan Ramón. «Hai que ir comprar con medio limón na man e botarlle unhas gotas nos ollos do peixe». Juan Ramón miroume, eu mireino. Quedamos expectantes diante das palabras do Julito. Faltaba saber onde residía o truco do limón. De seguido o soubemos. Dixo o Julio, moi serio: «Se o peixe chisca o ollo, está fresco». O Juan Ramón, daquela, non parou de chorar.