Cazadores de palabras


Presidente da Real Academia Galega

A miña amiga Isabel, que vive en Ourense, cóntame como hai poucos días descubriu unha nova palabra: unha desas palabras que semella que están a agardar por nós, coma aqueles tesouros dos que falaba Álvaro Cunqueiro, que se dan aos humanos cando os humanos descobren a palabra máxica que os desencanta, o «Ábrete, Sésamo!», da nosa lingua galega. A palabra que me trae Isabel dende as terras da Limia é a palabra «asuaugar» ou «suaugar». «Non deixes que o neno suaugue tanto, que pode afogar», dille a avoa. E rebuscando no Dicionario de dicionarios, ese pozo de léxico patrimonial que durante anos foi construíndo o ILGA, aparece: «Nadar por debaixo da auga, bucear», rexistrado por Elixio Rivas en Calvelo de Lamas e Baños de Molgas. Latín case que en estado puro: sub aquare. 

As vellas palabras vivas, mais agochadas nos camiños, na memoria das cousas, ás veces nos recantos do corazón. Ou na adaptación aos tempos. Nas parroquias de Carnota chaman «virandelos» aos aeroxeradores, os muíños eólicos que instalaron hai anos na serra, acaso por semellanza con aqueles enredos que nos mercaban nas feiras aos cativos para correr acelerando o vento. «Iso está inzado de virandelos», sentín dicir naquela parte do mundo.

Na miña infancia, a miña avoa utilizaba moito unha palabra (ou expresión) que tampouco vén nos dicionarios normativos: «batimbora». De cando en vez saco a palabra a pasear polas miñas novelas. «Armouse unha boa batimbora», dicía a vella, que nacera en Tui e se criara na raia de Caminha e Valença. Eu escribo «batimbora» con b porque me parece que ten máis forza, aínda que nunca a vin escrita. A avoa relacionábaa con bronca, briga, pelexa, liorta, batalla a puñadas e pancadas entre xente moza sobre todo e principalmente -advertía- «se andan polo medio os da outra banda do río». Afondando na súa significación e nas súas orixes ben podemos relacionala co «vai-te embora» portugués, que significa: lisca, desaparece, vai de aí, larga, e que seguramente era a expresión utilizada contra os invasores que dende a outra beira entraban a disputar as mozas nas romarías do Montiño ou Guillarei.

Hai anos que tripo o país cunha libretiña no peto para anotar estas cousas, coma quen levanta tesouros durmidos, repito, non mortos. Miguel Delibes, que era cazador e andaba detrás das perdices polos campos da Vella Castela, dicía que, segundo se foi facendo maior, o que máis o emocionaba non era o voo do paspallás nin o salto da lebre esquiva, senón a caza das palabras. Sentía un pracer especial cando no medio do páramo atopaba un pastor, unha familia de paisanos de Esgueva, Peñafiel ou Medina, e escoitaba nas súas bocas a música das vellas palabras vivas, os nomes das cousas que semella que se van perdendo e que están aí, agardando por nós. Foi a el a quen lle sentín a expresión de «cazador de palabras».

Hai anos que tripo o país cunha libretiña no peto para anotar estas cousas [vellas palabras], coma quen levanta tesouros durmidos, repito, non mortos

Por Víctor F. Freixanes Presidente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

Cazadores de palabras