Os rusos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu primo Gerardo non deixa de sorprenderme. É un seguidor entusiasta do baloncesto e a súa última obsesión foi a Final Four que se celebrou a pasada semana en Istambul. Levaba un mes anunciándome a importancia dos partidos para solventar a tempada. El é moi barcelonista e, perdidas todas as opcións do seu equipo, comezou a apostar polo único que podería facerlle sombra ao Real Madrid. Iso dicía el. Declarouse ruso dende o primeiro momento. Era do CSKA. A clave da final estaba en que os rusos conseguisen pasar a primeira eliminatoria. Durante semanas estivo enviándome mensaxes diversas, pero todas cunha substancia común: a importancia de Rusia na historia da humanidade. Chegáronme dende o seu himno ata interpretacións melodiosas dos coros diversos daquel país. Xestas históricas, a batalla de Leningrado ou unha gravación do Acorazado Potemkin. Todas concluían do mesmo xeito: «Neno, nós somos rusos. Punto». O caso é que el non puido ver a final. Eu estiven informándoo do resultado do partido decisivo segundo el: a semifinal entre o CSKA e Olympiakos. Alí milita Spanoulis, ao que o meu primo Gerardo chama de modo distinto: «Non teñen ñ, por iso o escriben así. En realidade chámase Españolis», afirma. Foi ganando o CSKA todo o partido. No último cuarto torcéronse as cousas. Acabaron ganando os gregos. Posteriormente o Real Madrid quedou tamén eliminado xogando contra un equipo turco. O meu primo quedou tranquilo. Eu, porén, revisei as mensaxes que me enviara. Encontrei unha que se me pasara por alto. Cando lle anunciei que perdera o CSKA, recibín contestación: «Neno, nós somos rusos. Punto. Pero tamén somos gregos. Punto e final». O meu primo non deixa de sorprenderme.