Premios da Crítica Galicia, termar do legado

María Xosé Porteiro
María xosé porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

20 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Premios da Crítica Galicia naceron no Círculo Ourensán-Vigués hai corenta anos. Aínda non había Constitución nin Estatuto, estaba prohibido o dereito de reunión e asociación e os mozos podían ser obrigados a manexar armas para defender á ditadura. No 72, os grises reprimiran con saña a folga do metal e no 75, o franquismo despediuse fusilando a Baena, un rapaz de Lavadores. O cárcere onde hoxe está o Marco era decote visitado, por persoas vencelladas ao Partido Comunista. 

As rúas da cidade onde se imprentaran os Cantares Gallegos acollían a Celso Emilio, Lodeiro, María Xosé Queizán, Paco del Riego, Mercedes Ruibal, Pérez Bellas, Cunqueiro, Alonso Montero, Camiño Noia, Ferrín, Paz Andrade, Álvarez Blázquez, Blanca Roig, Francisco Carballo, Dorotea Bárcena, Bernardino Graña, Suso Vaamonde, Casares, Bibiano, Marta Alfageme, Morris, Freixanes, Vaqueiro, Labarta, Avendaño, Perozo, Romón, Janeiro, Mantecón, Bieito Ledo, Emilio de Gregorio, Anxos, Estíbaliz, Malós, Reixa, Blanca Lorenzo, Miguel Murado, José Andrés Hernández e tantos máis. E alí estaban Galaxia, a Penzol e Radio Popular, dando respiración asistida á unha cultura perseguida.

Se cadra porque as Cíes están habitadas polos deuses, ou porque este mar foi quen de inspirar a Martín Códax e a Manuel Antonio, ou porque Vigo é a perfecta metonimia de Galicia, hoxe celebramos e vindicamos unha iniciativa popular desde esa cidadanía de a pé que vai de abaixo arriba, cal esteo que suxeitou ata hoxe -con vocación de garantirlle un mañá- un legado do que temos de termar.