A festa das Letras Galegas 2017 está sendo moi especial. A grande cantidade de iniciativas e actos que estes días se celebran polo país adiante -e alá onde hai galegos- e o grande seguimento que están tendo así nolo permiten afirmar. E isto é así porque Carlos Casares foi unha das figuras públicas máis sedutoras, apreciadas e queridas do panorama cultural de Galicia no último terzo do século XX. Dalgún xeito, el é en si mesmo un punto de encontro entre os cidadáns de Galicia, tal e como debe ser o Día das Letras Galegas.
A Carlos, falecido xa hai quince anos, lembrámolo todos como un home amable, firme e tranquilo. Sempre tratando de tender pontes e tecer redes a prol do país. Ese talante afable formaba parte intrínseca da súa personalidade, era algo de seu, pero tamén algo que lle fora transmitido polo seu amigo, mestre e guía Ramón Piñeiro, e pola tradición galeguista que se mantiña na altura da súa formación académica e humana.
O seu variado e exitoso traballo como narrador, con libros de relatos curtos ou novelas longas, con teatro e contos infantís, con traducións e ensaios sobre literatura e biografías, viuse complementado por un popularísimo traballo de colaborador en prensa que engaiolou por décadas os lectores. As súas temáticas cotiás, o seu estilo transparente e cálido, a súa prosa próxima, divertida e fonda, cativaron definitivamente os lectores, moitos dos cales nunca leran antes unha liña en galego. Dese xeito contribuíu como poucos ao espallamento da lectura na nosa lingua.
Pero Carlos Casares tamén foi figura pública coñecida e valorada como xestor no ámbito da cultura. Fose desde o liderado da editorial Galaxia -collendo o relevo dos seus vellos mestres galeguistas-, fose desde o seu eficaz traballo á fronte dun órgano xa consolidado como era o Consello da Cultura Galega. Pero xa antes amosara o seu compromiso activo na construción da Galicia institucional desde o primeiro momento en que foi posible. A súa presenza como deputado no primeiro Parlamento galego (1981-85) é lembrada polos seus esforzos en favor dos consensos. Na posibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística fose aprobada por unanimidade da Cámara tiveron moito que ver as súas intervencións favorecedoras de construír pontes e acordos.
A súa formación humana bebeu de fontes diversas, desde o Seminario de Ourense e o humanismo cristián ata as lecturas marxistas da xuventude. E así configurou unha personalidade flexible, aberta e tolerante, cunha actitude de curiosidade intelectual máxima, sempre cun fluído compromiso coa historia que lle tocaba vivir. Precisamente, o seu casamento con Kristina Berg facilitoulle o contacto coa realidade das terras nórdicas da súa dona, tan distintas ás da España dos inicios dos setenta, que o engaiolaron e que lle serviron para reafirmarse na importancia do esforzo e a concordia.
Cos mellores desexos para a fundación que mantén o seu legado e para a súa familia, convido a todos e todas a que lean a súa marabillosa obra e sigan o seu exemplo humano. Sen dúbida, o mellor exemplo do mellor galeguismo cordial e integrador.