Macron, home do sistema


De alguén que procede da banca, que contribuíu á nefasta política de Hollande e que tantos vencellos persoais ten con mundo financeiro e o gran capital, e, ademais, que tanta euforia espertou na esmacelada e triste UE de hoxe, non se pode esperar nin moitos cambios nin políticas novedosas. Porque xa hai que ser moi optimista para pensar que alguén así vai ser o que resolva estes grandes problemas que hoxe ten Francia: a falta de competitividade da súa industria, o fracaso da loita contra o desemprego, a precariedade laboral, o mal funcionamento do sistema escolar, as desigualdades de ingresos, o retraso na transición enerxética, a conversión ecolóxica da economía, a relación con Europa, o terrorismo... Polo demais, ¿vai apostar polo Estado de benestar, polo reparto de beneficios e pola defensa dos dereitos humanos? Todo indica que non, maiormente así resulta do entusiasmo dos líderes europeos -os mellores defensores dos valores opostos aos indicados- ben demostrado diante do éxito electoral de Macron. Ao cabo, é un máis entre eles. Parece máis claro que vai introducir cambios para que nada cambie (maior predominio da gran empresa, esquecer ou diminuír as conquistas sociais e laborais) e que vai contribuír á americanización da vida europea en procura dun único partido, o dos negocios, con dúas faccións semellantes aos demócratas e republicanos USA. ¿Europeísta? Semella o máis oposto que cabe imaxinar ao control do mercado e do capital financeiro e aos dereitos sindicais e laborais, nos que Francia vai recuar. É ben ilustrativa a viñeta de Josetxu Ezcurra, que dicía, sobre unha foto de Macrón: «Gañou a banca: néo-libéralisme, inégalité, austérité». Unha vez máis, confiemos que non será verdade nada do que pensamos.

Xa hai que ser moi optimista para pensar que alguén así vai ser o que resolva estes grandes problemas que hoxe ten Francia

Votación
16 votos

Macron, home do sistema