O Parlamento Galego, presidido por Antonio Rosón, instalouse de forma provisional no espléndido marco do pazo de Xelmírez e o 12 de Nadal do ano 1981 comezou a primeira lexislatura. Francisco Vázquez, secretario xeral do PSOE galego, e Ceferino Díaz, o ideólogo, acordaran levar nas listas a catro galeguistas independentes: Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde e Benxamín Casal, que deron o voto a Xerardo Fernández Albor para que presidise a Xunta de Galicia. A inexperiencia deu lugar á anécdota cando o presidente leu de corrido as dúas fórmulas alternativas e dixo: «Xuro ou prometo…».
En maio de 1982, Francisco Vázquez renunciou á secretaría do PSOE e non volveu ao Parlamento ao non ser aceptada a súa proposta de que A Coruña fose a capital de Galicia. En novembro, foron expulsados os deputados do Bloque Bautista Álvarez e Lois Diéguez, e o do PSG, Claudio López Garrido, por non acatar a Constitución e o Estatuto de Autonomía.
En xuño de 1984 os restos de Castelao volveron a Galicia para repousar no Panteón de Galegos Ilustres. A politización resultou inevitable e o que debería ser motivo de alegría compartida, converteuse nun acto lamentable.
A finais de 1985 convocáronse novas eleccións.