Desconfía e acertarás

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

06 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sempre se acerta cando se desconfía, pero na sociedade actual hai unha desconfianza crecente cara a persoas e institucións que antes nos parecían respectables.

Poucos se fían xa dos políticos e o mesmo sucede cos xuíces, cuxa imparcialidade se pon a diario en dúbida.

Os bancos deixaron de ser o lugar seguro onde depositar e aumentar o noso diñeiro para considerarse cova de Alí Babá ou buraco negro sideral onde se volatilizan os nosos aforros.

Os médicos ao parecer non se preocupan de curarnos senón de incrementar as ganancias da industria farmacéutica. Por exemplo, receitando estatinas a torto e a dereito, a pesar de estar demostrado o perigo e, en moitos casos, a inutilidade deste medicamento.

As multinacionais farmacéuticas, en opinión do psiquiatra norteamericano Allen Frances , «volvéronse máis perigosas que os cárteles da droga» e manexan ao seu antollo a Organización Mundial da Saúde, segundo afirma un funcionario da propia OMS (entrevista en Discovery Salud, nº 144).

A independencia das organizacións ecoloxistas tamén está en dúbida pola súa vinculación a grandes empresas como Shell, Barclays ou Anglo-American Corps.

A Igrexa, polo descubrimento dos casos de pederastia, unidos á tradicional acusación de poñerse ao lado do poder, é tamén obxecto de desconfianza.

Pero hai políticos honestos, xuíces imparciais, bancos seguros, médicos abnegados, sacerdotes castos e organizacións non gobernamentais que loitan por un mundo máis xusto e máis saudable.

Desconfiar de todo só serve para amargar a vida, a propia e a allea.