Tirapuxas sen sentido

OPINIÓN

03 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito, e pode que aínda agora mesmo, no que poderiamos chamar a política galega, era unha verdade que non se ousaba discutir que política e cultura ían por camiños distintos, que a política de verdade era cousa de políticos, de homes prácticos, mentres que a cultura era pouco menos que cousa de soñadores. O atraso cultural de Galicia, hoxe moi superior ao seu atraso económico, permitía esas dicotomías que non entenderían nun país civilizado e que aquí sempre foron punto da orde do día.

A estupidez acadou tal forza que incluso moitos homes de cultura se sentiron fóra de contexto, prestaron máis atención á política que á cultura e algúns tamén se fixeron políticos. As consecuencias foron evidentes: desnaturalizáronse como homes de cultura e illáronse, pechados nos seus eidos, como políticos. Un non entende como se pode manter este esquema nun país como Galicia, no que se algún sentido pode ter unha política galega é xusto loitar polo aseguramento da súa cultura, por tratar de axudala, por agarimala, por desenvolvela e espallala coa maior amplitude, Nada diso é culturalismo, como ás veces se suxire, senón facer país, sen máis. Non sei se ese desvío terá contribuído á preocupante vulgaridade da cultura galega dos nosos días, nada creativa -en épocas recentes érao moito máis-, moi rentes do chán. Mesmo produce desconcerto o nivel cultural de xentes que chamamos académicos, pero que un pensa se mellor sería nomealos tabernarios. Trátase de algo singular ou podemos xeneralizar? Non o sei. Pero si que me dá arrepío pensar que recuamos en cuestións nas que deberiamos ter avanzado, que na mente de moitos a idea de país non existe e que cada un tira para a súa banda. E de bandas si que non andamos nada mal, como de costume.