ETA, eses perturbadores

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

20 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca me fiei do alto ao fogo anunciado a bombo e prato. Ben, realmente no que non confío é na palabra de quen antes obrou con maldade e desapiadadamente. Eses cambios gratuítos e repentinos... sempre necesitan de maduración para poder confirmarse. 

Non me chega co cese do terrorismo, con pedir perdón, co desarme ou coa disolución. É absolutamente necesario todo xunto. Érao hai moito tempo, antes de seguir matando. Con todo, precisamos xa a fin da banda terrorista organizada. Si, ETA ten que desaparecer. Non hai elección.

Pero... non os perturbemos, señores. Eles fan as cousas á súa maneira. E cal era o seu xeito de proceder? Pois... matar. Sementar o terror, o medo e a traxedia aló por onde pisaban. Iso si que era perturbación. Non só das familias afectadas, de toda a sociedade. Tiñamos a mente preocupada pensando en que un día podiamos saír á rúa e saltar polo aire, a saber por que razón.

E agora que din que van entregar as armas non podemos perturbalos. En realidade o que aseguran é indicar onde se atopan os seus zulos para que vaiamos buscar o arsenal nós, que xa non é o mesmo. Pero, por riba, é que esixen garante de que poderán facelo «sen ser perturbados polas forzas de seguridade». Só admiten «observadores imparciais».

Aí queda iso. De traca.

Poden alterar a paz dun país, ser donos e señores das vidas alleas e da paz dun anaco do mundo... e non pasa nada. Pero son tan covardes que esixen o que non merecen, seguramente buscando a seguridade que nunca nos permitiron ter.