O 30 de xuño de 1982, o socialista Carlos Solchaga dicía no Congreso que desde Nadal de 1978 ata xullo de 1981 a construción do Estado das Autonomías resultara un camiño ensarillado e inzado de perigos. Non existía un mapa autonómico, nin unha distribución clara de canles e de teitos de competencias que permitisen albiscar o final do proceso de construción da estrutura territorial do Estado.
Era a situación que o presidente Leopoldo Calvo Sotelo quixo corrixir en xullo de 1981 coa creación da comisión de expertos, presidida polo profesor García Enterría, que elaborou un informe do que saíron uns acordos autonómicos, só asinados por UCD e PSOE, que incluían dous anteproxectos de lei: a do Fondo de Compensación Interterritorial e a de Harmonización do Proceso Autonómico, a LOAPA, que deu nome ao conxunto dos pactos. Os nacionalistas denunciárona ao Tribunal Constitucional, pero o esencial mantívose.
Despois do 23F, Calvo Sotelo quixo devolver á cidadanía a confianza nas institucións democráticas e, disconforme coa sentencia da Xustiza Militar, ordenou aos ministros de Xustiza e de Defensa, Fernández Ordóñez e Alberto Oliart, a elaboración dun recurso para que fose a Xustiza Civil quen tivese a última palabra. Non prosperou.