A lingua dos funcionarios


Un garda civil non atendeu en galego ao cidadán porque seica non tiña coñecemento do idioma. O tenente coronel de Pontevedra pedíu disculpas, ao tempo que o Defensor do Pobo advertía formalmente de que existe un «deber legal» de coñecer a lingua para atender a cidadanía. Ben están as disculpas. Agradécense. E ben está o recordatorio do Defensor do Pobo, porque a historia non é nova 

A lingua propia de Galicia é o galego. Así o recoñece o Estatuto de Autonomía, que vén ser o complemento da Carta Constitucional entre nós. No artigo 5 dise literalmente que galego e castelán son idiomas oficiais na comunidade e que «todos (os cidadáns de Galicia) teñen o dereito de os coñecer e de os usar». E mais engade: «Os poderes públicos garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua».

Nuns primeiros borradores do Estatuto apuntábase non só o dereito senón o deber de coñecer ambos os dous idiomas. Retirouse o deber, malia que para o castelán prevalece no artigo 3 da Constitución: «Todos os españois teñen o deber de coñecelo o dereito a usalo». Retirárase o deber de coñecer o galego do noso Estatuto para garantir a convivencia de dereitos daqueles outros españois que non sendo galegos poidesen vir residir ou traballar a Galicia. A lingua común é obrigatoria. A lingua propia non.

Mais a cuestión que desta vez nos ocupa é a lingua dos funcionarios. Aquí é onde se desenvolveu unha deboura que, malia outras consideracións, atinxe seriamente á realidade social do idioma (a realidade práctica, non retórica), e mesmo ao mandato que se expresa no artigo 5 da Carta Autonómica.

¿Quen son os funcionarios que traballan e actúan en Galicia, cobran do erario e, xa que logo, están obrigados e comprometidos co servizo á cidadanía? Non son empresas privadas. Falamos de mestres públicos, sanitarios, xuices, administradores de calquera dependencia oficial, non só a garda civil. Dependencias ou servizos oficiais son todos aqueles que, ben procedan das competencias do Estado, da Administración Autonómica, Provincial ou Local, teñen relación cos cidadáns, sexan bombeiros, gardas de tráfico ou fiscais. O galego é ferramenta básica de relación e comunicación para desenvolver o seu servizo.

Cómpre pois un recordatorio máis amplo. Nas oposicións a tales postos, grandes ou pequenos, cando se exercen no país, debe constar obrigatoriamente o coñecemento básico da «lingua propia». Nas oposicións e nas probas correspondentes para o acceder a tales funcións. Cousa que na práctica ou non se cumpre ou se disimula. Se falamos da realidade social da lingua temos que falar (volver poñer enriba da mesa) todas estas cuestións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

A lingua dos funcionarios