Os mozos ven hoxe o 23F como unha astracanada representada por pésimos actores no Congreso dos Deputados. A figura de Tejero, os berros dos oficiais, os gardas civís fuxindo polas ventás, a desaparición das existencias da cafetería e do bote dos camareiros, todo contribuíu a converter un feito dramático nunha representación de monicreques.
Porén, o golpismo ía en serio e non desapareceu co fracaso do 23F. O 2 de outubro de 1982 o presidente Calvo Sotelo, o ministro Rosón e o director do CESID, xeneral Manglano, acordaron deter aos coroneis de Artillería Luis Muñoz Gutiérrez e Jesús Crespo Cuspinera, e ao irmán deste último, o tenente coronel José Crespo Cuspinera, que, en conivencia con Miláns e outros condenados no 23F, preparaban un golpe cruento para o día 27 de outubro, véspera das eleccións xerais. Silenciouse porque o PSOE, logo do gran triunfo electoral, tentou mellorar as relacións co Exército.
Foi inútil. En 1985, un grupo de militares e civís preparou un atentado na Coruña, durante a celebración do Día das Forzas Armadas, no que voarían con explosivos a tribuna onde estarían o rei, o presidente Felipe González e outras autoridades. Evitouse e silenciouse para non crear alarma social.