As pragas na agricultura e na silvicultura nunca foron alleas á nosa historia. Aínda estamos a vivir as consecuencias das que afectaron á vide no século XIX (oidium, mildiu e filoxera) e que obrigaron a cambiar a maioría das cepas autóctonas por outras resistentes á praga. Mais preto dos tempos actuais teríamos a doenza da tinta do castiñeiro, que foi acabando con todos os soutos das zonas máis baixas do país e que, grazas aos cruces cos castiñeiros xaponeses, libres da doenza, puideron volver a colonizar os montes, facer fermosas as nosas paisaxes e acoller coa súa sombra o noso lecer.
Tamén moitos de nós fomos testemuñas do desacougo que nos tempos da posguerra xeraba nos paisanos a proliferación deses escaravellos (por certo, ben vistosos se non fora polo perigo que supoñían) que formigaban polas follas das leiras de patacas e que acababan ao pouco tempo con toda a colleita. Dicían que os botaban os americanos desde avións e se loitaba contra eles como se podía (arsenicais, sulfato, etcétera) e mesmo se chegou a pagar unha cantidade apreciable de diñeiro polo número de escaravellos cazados. Hoxe, co paso dos anos, están razoablemente ben controlados.
Diante de todas estas pragas houbo moita improvisación, pero tamén, todo hai que dicilo, os científicos e técnicos do país estiveron bastante atentos ao problema e tentaron poñer todo o seu saber cara á solución destas doenzas. Poderíamos falar de Casares, Iglesias, Urquijo, Sardiña, Gallástegui, Vieitez e outros que desde a universidade ou centros de investigación achegaban criterios e medidas para o seu control, con evidentes éxitos nalgúns casos.
Hoxe, diante desta praga da pataca que chega de América, como a maioría das outras, pregúntome: Están debidamente atendidos polas Administracións, e tamén polas empresas privadas do ramo, eses equipos de investigación e desenvolvemento que están a traballar en fitopatoloxía, é dicir, na loita contra as pragas do campo? Teñen o recoñecemento social e, sobre todo económico, que precisan?
Moito me temo que as últimas medidas de restrición de fondos para I+D minguaron tamén os seus recursos, sobre todo no relativo aos bolseiros, que tan necesarios son para levar adiante as investigacións.
Por iso, habería que lembrar, unha vez máis, que na política científica dun Estado ou dunha comunidade non todo deben ser grandes e brillantes proxectos (que tamén), xa que pode haber outros, quizais non tan aplaudidos nos foros internacionais, que son tanto ou máis necesarios para a boa marcha dun país, como é o manter con boa saúde equipos de investigación ben preparados e que teñan respostas axeitadas para problemas cotiáns, aínda que imprevistos, como este da couza da pataca. Despois de todo, para improvisar serve calquera.