O poeta

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

16 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe iníciase o entroido de Verín: cea de compadres e comezo de todas as tumultuosidades que a miña tribo exalta. É urxente procurar un disfraz porque un vento de licorcafé danza nas nubes panzudas que flotan sobre Monterrei. Non sei como será o carnaval do 17. Estes días atrás apuntaba alto. Paco Mariló colleuna co recitado de romances e soliviántanos tarde a tarde. Leva un mes declamándonos o Romancero viejo. Non sei de onde sacou esta afección pero ponnos tolos. Empezou con Abenámar Abenámar, moro de la morería e rematou co Romance del moro de Antequera. Non deixa tomar os viños en paz. A pouco que nos descoidemos, levanta o vaso e vocifera as súas coplas. O Manolo Lucero, que anda nas Filipinas, dixo que había que arranxar isto ou el non viña ao carnaval. Ata o Cesteiro chegou a ameazalo seriamente. Díxolle: Como sigamos así, acabamos con corenta anos de amizade. Pero corenta anos de amizade non se rompen tan facilmente. Temos pasado vicisitudes terribles. Paco Mariló, que sufriu as tempestades do Gran Sol, asegura que os romances tranquilizan máis que as pastillas de durmir. Preguntámoslle a Amalia, a súa muller, ata onde chegaba esta nova teima do Mariló e díxonos que non podía máis. Cada noite, antes de deitarse, fai o que nunca antes fixera: recita poemas. Algo lle pasou a este home. Uns din que son os cincuenta e oito. Outros que deixou de fumar. Eu, que son moito máis simple, sei que é o carnaval. De Antequera sale un moro, de Antequera aquesa villa, cartas llevaba en su mano, cartas de mensajería. Ese foi o último de onte. Logo achegouse a min e, moi serio, díxome: Xa teño disfraz. De qué vas, Mariló, pregunteille. Secamente contestou: De poeta, neno.