A couza guatemalteca da pataca, Tecia solanivora (Scrobipalpopsis solanivora) é unha praga regulada na Unión Europea (UE) pola Directiva 2000/29/UE. Esta normativa foi trasposta ao ordenamento xurídico español mediante o Real Decreto 58/2005. A orixe da praga é Guatemala (1970), desde onde se foi estendendo a través de América Central ata América do Sur. Na Unión Europea só estaba presente na España insular, concretamente nas Illas Canarias, onde esta praga se observou por primeira vez en Tenerife en 1999. A introdución no noso territorio crese que foi a través de comercio marítimo ou transporte de patacas de Venezuela, Colombia ou Ecuador. Na España peninsular foi detectada durante o ano 2015 por primeira vez no norte de Galicia, sendo as zonas afectadas as de Ferrolterra e A Mariña lucense, ambas as dúas con portos comerciais importantes, polo que pode ser a través deles que fora introducida na nosa xeografía.
A Tecia solanivora aliméntase exclusivamente de tubérculo de pataca (Solanum tuberosum), podéndoa atacar tanto no campo como no almacén. Os adultos son nocturnos e voan distancias curtas. No campo, poñen os seus ovos (entre 150 a 300) no chan, ao pé da planta de pataca ou no mesmo tubérculo. As larvas emerxentes, inicialmente de cor roxiña, entran na pataca e aliméntanse dela construíndo galerías, que van aumentando en tamaño e fondura, e completando no seu interior as diferentes fases larvarias, xerando a destrución da mesma. A couza guatemalteca só produce danos nos tubérculos de pataca, non se desenvolve sobre outros cultivos, polo que a súa presenza pasa desapercibida ata o momento da colleita.
A dispersión da praga pode darse por dispersión natural, debido á gran cantidade de pequenas parcelas de cultivo de pataca que existen e á súa diseminación no territorio. Mediante o movemento de tubérculos afectados, sendo a principal vía de dispersión, sobre todo a longas distancias, debido á gran capacidade de desenvolvemento desta praga dentro do almacén. Debido a isto, é moi importante que as patacas cultivadas en zonas afectadas por esta praga non se envíen fóra destas zonas. Ou por dispersión accidental a través de vexetais (follas e talos), produtos vexetais (patacas de sementeira ou consumo) e outros obxectos (sacos reutilizados, maquinaria...).
A través da resolución do 16 de outubro do 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG número 209, do 3 de novembro) declarouse a presenza desta praga de corentena e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control. Posteriormente, producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio de Galicia, as cales foron actualizadas mediante dúas outras resolucións.
Á espera de que se aprobe e se publique o programa nacional de control e erradicación de Tecia solanivora Povolny, establecéronse novas medidas que permitan o control das plantacións e movementos de patacas dentro das zonas afectadas.
A principal medida que se pode levar a cabo nas zonas afectadas, e dado que é unha praga que ataca exclusivamente á pataca, é non plantar durante un período de tempo que permita a súa erradicación. Con esta medida, xunto con outras, como a eliminación de posibles rebrotes e unha boa desinfección dos almacéns, poderíase conseguir un control efectivo da mesma. Así mesmo, queda prohibida a saída dos tubérculos producidos nas zonas demarcadas.