Pedagoxía nuclear

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro uso da bomba atómica en 1945 deixou á xente descolocada: era un aparello do tamaño dunha neveira, pero os seus efectos equivaleron á explosión de 15 millóns de quilos de TNT, o explosivo habitual da Segunda Guerra Mundial. Dado que en pouco máis dunha década xa se tiñan bombas 1.000 veces máis potentes que a de Hiroshima, os científicos empezaron a facer pedagoxía para alertar ao mundo de que estabamos ante unha evolución bélica que nunca ocorrera na historia: unha guerra nuclear arrasaría a civilización no planeta Terra. Ese esforzo educativo tivo éxito, porque case todos temos claro o perigo.

Pero non todos. No ano 2003, estando en Texas nun congreso da Sociedade de Física dos EE.?UU., quedei pampo ao ver que se convocaba unha xuntanza para alertar ao Goberno do entón presidente Bush do risco bélico nuclear, xa que os lobbies da industria armamentística presionaban para desenvolver bombas atómicas de baixa potencia e empregalas en Iraq.

Parece haber unha carencia educativa neste eido nalgunhas elites dos EE.?UU. Deberían saber que calquera conflito nuclear local acabaría afectando a todo o planeta. Xa sen contar os efectos da nube radiactiva, só o po levantado escurecería a atmosfera (afectando ás plantas, coa conseguinte cadea letal) e eliminaría ozono: despois dese inverno nuclear torraríanos unha primavera de luz ultravioleta do Sol. Que alguén os avise de que as leis da física son máis inviolables que as leis humanas.