Entre as vantaxes dos periódicos en papel sinto que está o demorado da súa lectura, o que pode permitírmonos acompañala tamén das emocións demoradas que tal lectura provoque. Nesta semana puideron atopar aquí, no seu xornal, tres pezas que poden provocar reflexión. Primeiro a entrevista ao profesor Mascareñas co gallo do seu ingreso na Academia Europea das Ciencias, mais logo os resultados da Enquisa Financeira das Familias feita polo Banco de España, e por último o vivir dun mozo singular e representativo da mocidade galega de agora, o intérprete de tuba e músico Miguel Franqueiro.
O profesor Mascareñas, no tempo que ve recoñecida, unha vez mais, internacionalmente a súa valía, reivindica o traballo e sobre de todo «saber sobrevivir ao fracaso», mais tamén unha análise autocrítica e polo tanto lúcida da investigación científica, das universidades e da súa organización.
A Enquisa Financeira das Familias, do Banco de España, confirma o que tanto sabiamos, sendo de agradeceren que reflictan os datos sobre a mediana, e non sobre da media, polo que esta pode confundir. Así, a enquisa establece que en tres anos as familias dos menores de 35 anos perderon a terceira parte da súa renda, e até o 94 % da súa riqueza neta (diferenza entre o valor dos activos que teñen e aquilo que deben).
Datos que inevitablemente cuestionan a capacidade de Galicia e mais de España para soportar aos seus, unha vez que se converteu no país coa maior desigualdade de rendas da Unión Europea, o que inevitablemente provocará que se cumpra unha predición do profesor Mascareñas sobre as novas xeracións e a ciencia: debería ser máis doado, pero moita xente non ve futuro na investigación. É moito esforzo, para despois atoparte con que as institucións non te acollen.
Mais se de emocións se trata, nada como a que provoca saber de parte de Miguel Franqueiro, galego de 33 anos, que é un privilexiado. E abofé que tal pode ser. Mais se non se deixan perder nos seus esforzos e os seus éxitos, que os ten, atendan ao privilexio, privilexio de galego e mozo: Traballa arreo en catro lugares, en Sober, en San Cibrao das Viñas, en Touro e mais en Vila de Cruces, e tamén toca na Real Filharmonía de Galicia, e mesmo participa nunha orquestra belga. Un privilexio, pois si non é doado ter catro traballos, pensen no percorrido cotián para desempeñalos. Mais a pesares de seren un privilexiado, ten siso para saber que na Galicia o panorama da música profesional é nulo, empezando polos estudos en conservatorio, que non permiten alcanzar a calidade para seren competitivos a nivel internacional, polo que, traballos aparte, vai cada mes a tomar clases na Scala de Milán. Buscando máis privilexios, non deixa de acudir a convocatorias das orquestras que andan na busca dun músico de tuba. Logrouno na Orquestra do Diván de Oriente e Occidente, de Baremboim e Said, e a piques estivo na Sinfónica de Londres, e mais logo irá a Turín ou Noruega. Todo elo por canto anda na busca dun traballo estable nunha orquestra sinfónica. Algo que, sendo como é un privilexiado, Galicia non lle ofrece. Privilexio de galegos, emigrar.