Políticas de chilindrada

X.L Franco Grande SOLEIRA

OPINIÓN

Ben pensado, a política que se executa neste país é a que poderiamos chamar de chilindrada, de pequenez, de miras estreitas. E isto é así aínda á marxe das graves consecuencias que poida ter. Porque a pequenez, a chilindrada ou a estreiteza de miras está na súa orixe, por máis que as consecuencias posteriores poidan ser de extrema gravidade. Esa maneira de facer política tanto pode ser debida ao narcisismo e megalomanía dun líder -sacarnos do recuncho da Historia, por exemplo- como pode ser colleita de políticos de menor contía, dunha opción ou da oposta, como hai días demostrou o señor García-Page ao soster que non lle convén ao seu partido que concorra ás primarias o defenestrado Secretario Xeral, despois de dicir que non dará o seu apoio a ningún candidato porque pode prexudicar a outros. Pero xa se pronunciou en contra da súa besta negra, faltaría máis. Este nivel de democracia é o que mellor acae aos que non nos representan. Sería moi longa unha relación de pequeneces, chilindradas e estreiteza de miras, o curto prazo, que é característica principal da política deste país. Calquera vulgaridade que diga certa falabarato do sur, por moi baleira que sexa, merece grandes titulares e dá a impresión de que algo grande vai ocorrer. E ocorrerá, se alguén non o remedia. E ao revés: grandes problemas que ten o país, ben coñecidos, só merecen a frivolidade ou a cegueira dos que, en verdade, non nos representan. Pois non é que non haxa motivos para facer unha política de longo alcance, que rebordan. O que ocorre é que os que terían que facela están enguedellados nas súas pequeneces e non saben saír delas. Nin os que gobernan nin os que quixeran gobernar. Perdidos nelas, colléraos o touro cando menos o pensen. E pagarémolo os demais.