Cando non se cre en nada

OPINIÓN

16 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitas as causas da baixa calidade da democracia nos nosos días: a progresiva apropiación indebida da mesma polo poder financeiro; a debilidade das defensas dos cidadáns diante dese poder; o andazo de moitos gobernantes de primar seguridade sobre liberdade; unha crise xeral moi complexa, non só económica... e moitas máis.

Témonos referido xa a algunha desas causas ou razóns. Hoxe toca facer referencia a unha eiva capital, que alonga a súa sombra sobre as democracias dunha e doutra beira do Atlántico: a facilidade con que se pode conseguir que as masas basculen para unha banda ou para a contraria e, ademais, que o fagan case sempre en contra dos seus propios intereses, elixindo como representantes aos que defenden intereses alleos.

É como se a sociedade só se decatase do que está facendo cando, despois dun tempo, comproba que foi enganada e xorden a frustración e o escepticismo, cando non a negación mesma do sistema en procura de solucións fáciles, ou que iso semellan, levándonos aos extremismos máis atolados -con nomes propios ben coñecidos-.

Son dos que pensan que non é certo que hoxe estea a sociedade mellor informada, senón que máis ben o que ocorre é que a capacidade de manipulación das masas, e polo tanto de desinformación, baixo múltiples eufemismos, é dun poder mesmo asoballante nunha sociedade con moi escasas defensas críticas, e que ao poder lle convén manter por diversos camiños.

Non só se chegou á banalización e ao desprestixio da actividade política, senón a algo moito máis grave: a remexer os fondos máis irracionais dunha sociedade que xa non cre en nada e que no seu desespero pode chegar a pensar en Trump, en Le Pen ou no que cadre. Non é boa cousa o que hoxe se está cocendo no ventre destas sociedades nosas.