«O final do camiño»: verdadeiro, bo e fermoso

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

Os escolásticos adoitaban dicir, ao referírense ao ente, que resultaba «Unum, verum, bonum et pulchrum». Ou sexa: un, verdadeiro, bo e fermoso. Non discutirei aos escolásticos e a súa particular visión do existente e da existencia. Só os utilizo como pretexto para comentar una produción televisiva que debe situar a Galicia na cúspide da actualidade: a serie producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, a nosa canle pública autonómica, e Televisión Española. Só queda aplaudir e agradecer tanta beleza. Só queda sentírmonos unha vez máis orgullosos do que somos e significar que cando Galicia rema, sabe remar. Igual que soubemos construír na fin do camiño unha catedral que segue a ser o noso pendón e estandarte. A pedra que fala de Nós no mundo.

Eu, que non son seguidor de series históricas e que me asomo ao televisor con certa cautela, quedei fascinado polo primeiro capítulo de O final do camiño. Digo que non propendo ás series porque despois de coñecer a Walter White, tamén chamado Heisenberg, xa pouco me queda por coñecer. Son como aquel que leu un só libro en toda a súa vida e lle pareceu tan marabilloso que chegou á certeza, arrebatada, de non ter que ler máis. Con Breaking bad eu tiven a mesma sensación. Non se podía facer nada máis sedutor para o público. Intentei achegarme a algunha serie histórica ou aventureira. Pero non lograron cativarme. Prefiro a madeira de Serramoura, tan visceral e intrépida.

Por iso aproximeime con recato ao televisor para contemplar o primeiro capítulo de O final do camiño. ¿Resultaría demasiado ambiciosa? A construción da catedral de Santiago como fondo, o noso pasado coas súas loitas intestinas, o rei propio (Don García), o arcebispo, o Alfonso que vén de fóra, arqueiros e espadachíns, mulleres e homes intrigantes e intrigados, o verdor e a luz galegas, as peripecias de personaxes tan reais como Nós. Minuto a minuto foi ganándome a acción. Porque esta é unha serie de acción. E a aventura. Porque é unha serie de aventuras. E a historia: é unha serie histórica. «Magnífica», díxenlle á miña muller cando rematou o capítulo. Excelente. Velaquí o que somos capaces de facer os galegos cando unimos afán e propósitos e audacia.

Actores e actrices están (son) espléndidos e verosímiles. A música envolve os momentos como se fose o papel de regalo dun tesouro precioso. O guión está fiado con destreza. Galicia arrecende na pedra, no aire que souberon pintar os técnicos, nas escenas e nos escenarios. Atrapa, seduce, atrae. Non se pode pedir máis. Creo que han de falar moito desta ficción e daqueles que a protagonizan. Hai alento e, sobre todo, hai talento. E aí quería chegar para rematar este artigo: o talento. Unha vez máis demostrou Galicia que ese é o noso grande patrimonio: a capacidade de converter o rutineiro en marabilla. Ou sexa, facer da vida arte. Verdade, bondade e beleza. Diso, en definitiva, falaban os escolásticos.