A verdade encuberta

OPINIÓN

09 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Populismo, posdemocracia, posverdade... verdadeiras trapelas da linguaxe cando esta se emprega para agachar a verdade e transmitir unha imaxe que pouco ten que ver coa realidade e si cos intereses dos que recorren a elas. Algunhas mentes lúcidas de Europa, que tamén as hai, comezan a desenmascarar o seu uso e abuso.

Entre outros, o filósofo francés J. Rancière e o economista Y. Varoufakis, penso que entraron en profundidade na améndoa desa terminoloxía, da que, en xeral, di o primeiro, botan man os que nos gobernan para nos convencer de que a contestación da súa lexitimidade e da súa integridade é unha porta aberta aos totalitarismos.

Pola súa banda, para Varoufakis, un populista promete todo á xente explotando as súas supersticións e os seus medos. «Os populistas necesitan que o establishment siga sendo relevante, mentres que o establishment depende, para manterse, do medo aos populistas». Medo a que a estabilidade política -a deles- quebre e deixe de selo.

Como ben sinala este autor, tanto o xornal sensacionalista The Sun como Shakespeare son populares, pero só o primeiro é populista, nunca o segundo. O populismo non é outra cousa que unha forma de mentira, pero que se pretende máis elegante. A mentira aberta non dá resultados, pero si encuberta cos pertinentes adobíos.

E non poucos cómpren para soster a promesa de baixar impostos e subilos a seguido; dicir que non se van tocar as pensións e logo facer todo o contrario; dicir que se ataca a corrupción pero ocultando ou negando probas aos tribunais... A lista será tan longa como queiramos, infelizmente. Pero dirán que populistas son os outros, os que só pretenden un máis racional reparto da riqueza, reformar a Constitución axustándoa aos novos tempos, revogar leis inxustas, e pouco máis.