Un secuestro

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Garda Civil detivo a un home que presuntamente retivo á súa exparella encerrada nun piso, en contra da súa vontade, primeiro en Alginet (Valencia) e despois en Novelda (Alacante) durante seis meses.

O raptor proporcionáballe comida e «efectos de primeira necesidade», e ata a sacou a pasear algunha vez, sempre baixo a súa atenta vixilancia.

O suceso lembra O coleccionista, a película de William Wyler na que un obsesionado e mozo Terence Stamp secuestra a unha nova e fermosa Samantha Eggar. Coa diferenza de que no caso de Alacante, os protagonistas mantiveran antes unha relación sentimental.

Custa entender que en máis de seis meses de secuestro, con paseos incluídos, unha muller adulta non atope o modo de facer saber que está secuestrada, pero o medo adoita paralizar á vítima, e neste caso, ademais, o raptor é un tipo de coidado, que xa nunha ocasión rubiu pola fachada do domicilio da muller e penetrou nel rompendo unha xanela.

É triste e di moito da sociedade en que vivimos que alguén poida desaparecer contra a súa vontade durante máis de medio ano sen que ninguén se preocupe por iso. Non ten familia nin amigos? Non tiña un traballo, unha ocupación na que a botaron de menos?

Había unha orde de afastamento en vigor. Ocupouse alguén de comprobar que en efecto funciona? Ao parecer, non. Tampouco na lei unha muller ameazada atopou axuda.