Bibiano, desde Santiago ata «Aluminio»

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

Santiago, aló mediados os sesenta, era un fervedoiro de novidades para mozos de quince ou dezaseis anos. Novidades que eles mesmo construían por vivir. Nese mundo de pedra e chuvia bulían mozos que buscaban a música, e con ela outra vida. Coñecín entón a Bibiano, da man de Antón Masa, nun dos ensaios que este e os seus facían nalgunha casa prestada da rúa de San Pedro. Eran os tempos de Os Tanos, que logo serían os Thakers, para se converter logo nos Thakers Fusión Combo, que lideraba Bibiano. E xunto deles tamén andaban os Bandogs, de Alberto Tizón, Antón Masa ou Juan Caballero, que logo pasaron a ser Los Sueños. Tamén Los Linces e os Linces Pop de Chema Ríos, ou Quickler, entre outros.

Todo isto volveu, milagre das redes, neste caso a dos vellos scouts da picheleira rúa do Franco, coa morte recente de Bibiano. E nese milagre das redes aparecen as lembranzas de Enrique Fraga Liste dende Toulouse, para achegármonos recordos de Bibiano e tamén do seu pai, Adonis Morón, a quen acordaba de frecuentar a súa casa, Casa Enrique no Franco, amigo como era do seu pai, quen, xulgado, condenado e afastado do seu traballo de funcionario municipal, seica polas súas ideas anarquistas, traballaba de escribinte de documentos e cartas para quen o precisaba. Tamén Pedro Veiga, quen, coa súa guitarra, chegou a acompañar a Bibiano nalgúns concertos pasados xa os setenta.

Do seu paso por Voces Ceibes, do seu dúo con Benedicto García Villar, da súa militancia en Comisións Obreiras e o PCE, e mesmo do seu éxito como empresario e promotor musical no Vigo logo dos oitenta, teñen vostedes cumprida conta de tanto como del se ten escrito. Mais se queren saber de Bibiano, de Bibiano Adonis Morón Giménez, acudan a buscalo a eses tres LP seus: Estamos chegando ó mar, Alcabre e Aluminio, onde atoparán a un dos mellores músicos e compositores nesta Galicia daquela.

Bibiano, logo da súa etapa folk e de cantautor, foi facendo folk rock ata chegar con Aluminio, o seu último LP publicado no 1979, de novo ao rock. As vantaxes da rede dan moitas oportunidades de seguir vivindo coa música de Bibiano, mais se queren un bo atallo acudan ao blog Prisioneros del disparate, onde Luis Cuende regálanos, amais de asisados xuízos, entre outras unha súa peza maxistral, a Negra sombra de Rosalía, do seu derradeiro álbum, Aluminio. Se logo de escoitala concordan que o arranxo e a interpretación de Bibiano desa Negra sombra musicada por Juan Montes é a grande síntese de tanta boa música nacida naquelas rúas de Santiago mediados os sesenta, poderán preguntarse por qué, logo dela e das acedas críticas, deixou a súa musica. Se cadra foi porque unha parte do país, sempre escaso do xeneroso, non deixou de o amolar.

Mantén Antón Masa, compañeiro de pupitre seu no instituto, que a mellor voz daqueles tempos de Voces Ceibes, tamén antes, era a do Bibiano. Amigos de nenos, amigos de vellos. Tamén que o Bibiano era un líder, de sempre. Daquela acendeu un facho.