María Moliner: palabras maiores

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Cando María Moliner publica, en 1966, hai cincuenta anos, ese monumento da lexicografía titulado Diccionario de uso del español, ninguén, no gremio dos filólogos, tiña noticia do seu labor. Algúns, os máis achegados, como Dámaso Alonso e Rafael Lapesa, sabían que dedicara quince anos a redactar miles e miles de fichas lexicográficas non só con rigor, senón cun criterio orixinal. Dáse a circunstancia de que eu, xa de estudante, sabía que dona María Moliner, bibliotecaria na Escola de Enxeñeiros Industriais da Universidade Central, estaba a compoñer un Dicionario, pois fun colega, na Facultade de Letras de Madrid (1950-1953), de Carmina Ramón Moliner, filla da anónima bibliotecaria.

María Moliner (Paniza, Zaragoza, 1900-Madrid, 1981) pertencía ao Corpo de Arquiveiros e Bibliotecarios desde 1922, e tivo, nos anos da Guerra Civil, importantes responsabilidades, en Valencia, na organización da rede de bibliotecas. Aínda que non foi suspendida de emprego e soldo, o Réxime marxinou a aquela profesional tan comprometida coa causa da difusión dos libros. Tivo menos sorte o seu home, Fernando Ramón Ferrando, catedrático de Física na Universidade de Murcia, en opinión de algúns especialistas o introdutor das teorías de Einstein no ámbito académico español.

Pero María Moliner, desde moi nova, amaba as palabras ou, como afirma a súa biógrafa, Inmaculada de la Fuente, era a «bibliotecaria que soñaba palabras» (El exilio interior. La vida de María Moliner, Madrid, Turner, 2011). Ela conta nunha carta que, sendo nena, as clases de Américo Castro espertaron o seu interese pola Gramática. Sabido é que o seu futuro Diccionario engaiolou porque ofrece un caudaloso inventario léxico combinado, cando procede, con incursións filolóxicas de índole gramatical. É o corpus que arrincou de Gabriel García Márquez un artigo que titulou La mujer que escribió un diccionario (El País, 10-2-1981). É tamén o corpus que J. A. Millán caracterizou como «el diccionario español más revolucionario».

Xa aquí, cómpre lembrar -e subliñar- que María Moliner foi proposta para académica numeraria da Real Academia Española no ano 1972, pero gañou outro candidato, Emilio Alarcos Llorach. Hai que chegar a 1978 para que unha muller ocupe unha cadeira na douta Casa: a escritora Carmen Conde.

Desde hai décadas, os académicos da Española consultan con moito aproveitamento -algúns con certa vergoña- o Diccionario de uso del español, de María Moliner.