Nerea, Pablo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunha vez roubaron as palabras. Só había desolación, baleiro, pozos secos e seca area negra. O deserto. Coas palabras roubaron o futuro: porque sen elas nada somos. Quedamos sen esperanza, amor, abrazos, ilusión, alegría. ¿Como sobrevivir? Dende a madrugada do luns, ás dúas e quince minutos, o país das marabillas quedou sen palabras. Ando na súa procura pero encontro nada. Os da miña cuadrilla, despois de mil anos de dicirnos todo, non nos cruzamos palabras. Non nos quedan. Pero só con mirarnos sabemos o que sentimos. Quizá na mirada dos meus amigos entendo a grandeza do ser humano. Entendo que a tristeza hai que deixala vir, soportar a embestida, e agardar unha oportunidade para escapar. Parece imposible. No val de Monterrei, que semella o país das marabillas do que escribo cada xoves, o destino quixo roubar as palabras. Foi despois do Nadal, nunha estrada a escasos centímetros do inferno. Cruzouse a mala fortuna fronte a un automóbil con dous nenos. Tiñan toda a vida por diante. Sempre digo que somos o que soñamos. Hoxe afirmo que somos tamén o que perdemos. Quedarán os recordos para coser os rotos da alma. Porque quizá non conseguiron roubar todas as palabras. As que escribín arriba, prometo, persisten amarradas a calquera árbore do río (o río da vida, que corre e corre). Tardaremos tempo en encontralas. Pero han de aparecer. Borraremos con goma de borrar as nubes e deixará de chover o desamparo. Esperanza, amor, abrazos, ilusión, alegría. Son só palabras que hoxe de nada serven. Pero aquí quedan, por se acaso regresan. Alguén tiña que prohibir a morte. Aos vinte anos, especialmente. (A todos os que algunha vez perderon o máis importante. E a María e Raúl, os meus amigos).