Límites para agasallos e plaxios

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Andan a voltas estes días con definir o que é un agasallo de cortesía e o que non. Iso no mundo da política. No da Universidade algún despistado segue dándolle voltas a cando un texto pode considerarse copiado literalmente e preguntándose cantos libros debe copiar un catedrático e reitor para avergoñarse, dimitir e pedir perdón. Onde están os límites? Hai debates interesantes pero estes non o son. Nin un nin outro asunto teñen moito que discutir. No dos agasallos podemos someternos á opinión pública, porque é ela -non a lei nin a política- quen determina os límites do valor que é aceptable en cada momento: non hai tradición de que botar man porque os usos socias son mudables. No do plaxio de traballos alleos tampouco parecen valer de moito a lei nin a política para procurar unha rápida solución, pero aquí si podemos botar man da tradición porque de sempre nos aprenderon na escola a non copiar e nos reprenderon por facelo. E o reitor á escola seguro que foi.

Non se pode copiar! Non se pode reproducir o que outros escribiron sen citalos. Punto. Algúns colegas dixéronme que me viran moi morno nun artigo anterior. Discutínllelo até que uns familiares mo fixeron ver. Para que quede claro: non se pode copiar e a quen copia hai que expulsalo ou baixarlle puntos. A equivalencia para o reitor é clara, non si?

O dos agasallos ten miga, pero menos que todos os casos de corrupción que se están xulgando agora e enchen os telexornais. Pero ten miga para un pan que está por cocer, non para as faragullas do que xa se comeron os corruptos. Como ben sabemos, a tradición invéntase e agora estamos inventando a tradición de non pasar unha e desconfiar de todo. Parece ser o sino dos tempos, que lle imos facer! Será consecuencia de fartarnos de ver nos xuízos televisados a tantos aproveitados que saquearon diñeiro público. Vou aportar unha historia para axudar a inventar esa tradición logo! Como é unha vella historia, pode que sirva para aportarlle algunhas raíces aos novos comportamentos. Sempre houbo quen puxo límites.

Hai agora 35 anos constituíuse o Parlamento galego no Pazo de Xelmírez e os despachos dos deputados foron ubicados no Pazo de Raxoi, preto do Pazo de Fonseca onde se reunía o pleno. Todo estaba sendo improvisado, todo era novo entón, pero en cuestións de usos sociais xa había tradicións diferentes. Algún xornalista que cubría daquela a información parlamentaria conta aínda hoxe a historia que vén ao conto. No despacho dun dos deputados tropezaba sempre cunha caixa de viño reserva. Aquel deputado, con máis experiencia práctica no mundo da empresa que no da política parlamentaria -na que todos empezaban entón-, tiña por hábito devolver todos os agasallos que recibía pero aquela caixa non tiña remitente. Por iso seguía alí. O xornalista, que tampouco nunca logrou convencelo para que lle deixara probar o viño, aínda se pregunta hoxe se seguirá a caixa nos baixos de Raxoi. Como a pescuda xornalística está en horas baixas, xa adianto que o deputado se apelidaba Nogueira.