Posdemocracia, agora tamén

OPINIÓN

26 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai autores que teorizan sobre unha suposta entrada nunha sorte de era posdemocráticia como característica do noso tempo. E acostuman aducir, como exemplo ilustrativo, a situación da UE, na que un conxunto de países democráticos ceden soberanía a unha organización política supranacional que funciona á marxe de calquera idea de democracia.

E din, penso que con acerto, que é un exemplo de réxime sen precedentes históricos. Que ten a orixinalidade de que actúa sen violencia, que se preocupa da nosa saúde, das nosas maneiras e da nosa moral, e nunca conta coa posibilidade de que nós mesmos saibamos o que é bo para nós; coida que somos impotentes e incapaces para iso. De aí que necesitemos ser atendido e reeducados a fondo (H. M. Enzensberger).

Xa no século pasado albiscara Hannah Arendt as formas de goberno que se van convertendo en burocracias e non fan a súa dominación por leis nin por persoas, senón por anónimas oficinas ou ordenadores, que poden supoñer un ataque á liberdade e unha ameaza maior cas tiranías do pasado.

O problema, ao noso ver, é que a UE non ten un Goberno federal. Non é certo, como suxiren algúns autores, que a democracia se leve mal cunha organización supranacional como a UE. Os supostos de organizacións supranacionais onde non se dan as eivas denunciadas, que son certas, e cun exemplar funcionamento, están á vista.

O problema non é que esteamos nuns tempos posdemocráticos; o problema é que a UE é un híbrido xurídico inoperante. E seguirá séndoo mentres ese híbrido non se converta en Estado federal, con claridade na cesión de soberanía e con garantía para o libre desenvolvemento dos países federados. Abonda con ter en conta o que temos á vista xa en funcionamento. O que falta é vontade política.