Lorenzo Varela hoxe

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Naceu hai cen anos no mar, cando un barco ateigado de emigrantes galegos estaba preto do porto da Habana. Era o 10 de agosto de 1916. A familia non tarda en deixar Cuba, a mesma familia que, de novo por necesidade, emigra á Arxentina, onde Lorenzo Varela aprende as primeiras letras e as segundas. Mozote, está en Lugo, onde cursa o bacharelato e onde coñece e trata, entre outros, a Ánxel Fole e a Ramón Piñeiro. Son os protagonistas dun fermoso e conmovedor poema seu, Eramos tres irmáns, no que Piñeiro é «o santo», Fole, «o tolo», e Varela, «o capitán». Boa caracterización. En Lugo, Lorenzo Varela, non poeta aínda, é un galeguista moi esquerdista. Xa en Madrid (1935), anda polas beiras do PCE, partido no que ingresa na Guerra Civil, na que defendeu a República coa pluma e coa espada. Brillante, didáctico e seriamente comprometido coa causa, chegou a comisario político. Cando se dirixía aos soldados galegos, estes advertían naquel camarada tan novo e con tanta auctoritas, a razón popular que lle viña das terras de Monterroso, berce de seus pais e matria do seu galego, das palabras coas que compuxo no exilio unha obra poética breve, pero densa, nobre, saudosa e reivindicativa («Vinde chousas sagradas, / carballeiras de meus pais»).

Cen anos despois, as institucións políticas galegas aínda non levantaron un dedo para conmemorar a este admirable cidadán, a este excelente poeta en castelán e en galego e a un crítico de arte extraordinariamente dotado para achegarnos aos textos plásticos de Luís Seoane ou Picasso. Hai unha excepción, a do Concello de Monterroso, que convocou, hai meses, un concurso pedagóxico-literario para premiar traballos nos que os autores tiñan que comentar poemas (galegos e casteláns) formulados de tal xeito que os profesores de bacharelato puidesen utilizalos na aula con eficacia. Non foi cativa a colleita nin pequena a categoría, como sinalaron os membros do xurado o día 18 de novembro, no que tiven a honra de compartir deliberacións con dous ilustres lorenzólogos monterrosinos, Fernando Salgado e Gregorio Ferreiro Fente.

O día 3 de decembro tivo lugar en Monterroso unha xornada literaria e musical en homenaxe do escritor con moi distintas actividades. Quizais haxa que destacar a primeira, na que os premiados leron, na prisión de Monterroso, os poemas que comentaron: Homenaje a Picasso (Patricia Arias Chachero), Eramos tres irmáns (Cristina Souto Diéguez), Compañeiros da miña xeración mortos ou asesinados (Ramón Nicolás) e Castelao (Esperanza Mariño).