A instalación

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai semanas sufrimos na cuadrilla un suceso doloroso: Paco o electricista, un artista fundador da tecnoloxía Led, tivo que ser intervido cirurxicamente. Chamoume Juan Ramón o do estanco para anunciarme o accidente. Corrín ao hospital. Xa operaran de urxencia ao meu amigo. Entrei na sala de recuperación. Planteille dous bicos e empecei a suar en frío. Pásame cada vez que visito un centro médico. Hipocondríaco, neurótico, fóbico, xa me chamaron de todo os galenos máis reputados. Sigo con Paco. Tranquilizoume o seu óptimo humor. Pouca cousa, dicía el, a pesar de que tiña vendado completamente o brazo esquerdo e que a intervención se prolongara tres horas. O primeiro que me confesou é que as anestesias modernas son exquisitas. Tanto que a un éntranlle ganas de pasar media vida anestesiado e outra media espertando da anestesia. Marchei calmado. Tres días despois pasei pola habitación onde o ingresaron. Tiña na mesiña unha das miñas novelas máis raras. Preguntei: ¿Entendes algo, Paco? Que vou entender, contestou, pero o libro faime moita compañía. Consolaba aos enfermos máis deprimidos e, nos días de convalecencia, conseguiu algún encargo. Un para Viana: un construtor que sufrira unha lesión na córnea e levaba parche pirata. Paco díxolle: Tecnoloxía Led, con esa eiva na vista vas necesitar máis luz na casa e nas obras. O día que lle deron a alta despedírono con tristeza. Era a alegría dos pasillos. Agora vai recuperándose. Tanto que colleu afección a visitar enfermos hospitalarios. Pero a min non me engana. Son moitos anos de amizade. O día menos pensado lemos no periódico: «O hospital de Verín reforma a súa instalación eléctrica. Tecnoloxía Led de última xeración». É un artista.