O Luís

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Verín é patria de camareiros sobresalientes. Algún deles, incontestable. Temos unha das máis altas porcentaxes de bares por habitante e quilómetro cadrado. Un prodixio. Houbo un tempo en que os dous únicos titulados eran o Fidel e o Chas. O Chas anda agora coidando as árbores do magnífico bosque de Cabreiroá (araucarias, sicomoros, cedros esplendorosos) e o Fidel aproveita a xubilación para significar que Mick Jagger é o máis grande. Hai anos alguén lle comentou nun entroido que tiña un parecido co cantante dos Stones e dende aquela o Fidel, que o tomou como unha loa, non deixou de amarrarse ao grifo da cervexa imitando os xestos de Jagger mentres berraba: «Satisfaction». Con estes antecedentes tiña que suceder o inevitable: chegou outro camareiro extraordinario. Alto, cabelo en prata, coa lentitude que só dan os anos e a elegancia natural dos dandis: Luís. Díxome esoutro día: «Non fago nada, pero non paro». Unha frase como esta só está á altura dos elixidos. As súas contestacións certifican a excelsitude, especialmente cando o bar está repleto e as peticións de hamburguesas sobrepasan a media do local. No verán estaba deprimido. Pero superou o mal momento. É que os turistas acaban con el. ¿Qué clases de ensaladas tiene? Grandes e pequenas, contesta o Luís. ¿Me da leche descremada? O leite que usamos non ten crema, señora. Cousas así. Non sei cómo tomará esta columna, porque o Luís é home circunspecto e de carácter firme. A primeira vez que o visitou a miña cuadrilla alguén fixo o chiste fácil. ¿Branco ou tinto?, preguntou Luís. Juan Ramón, o do estanco, respondeu: cheo. Luís dixo todo coa mirada: esquiva e áspera. Nunca máis ousamos facer unha broma. É un camareiro incontestable.