Trump será Trump

OPINIÓN

28 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os recentes nomeamentos de Trump -todos eles para cargos importantes- xustifican os temores que a súa designación como presidente dos EE. UU. espertou polo mundo adiante. En realidade, chama a atención o primitivismo intelectual que todos eles demostran, superando ás veces ao mesmo Trump, que xa é dicir.

Entre todos eles paréceme que o máis primario, mesmo o máis brutal, pode ser o que foi o seu director de campaña e que de agora en diante vai ter un poder non moi inferior ao do propio Trump, e máis ca o do xefe do Gabinete, Reinus Priebus. Moi próximo aos movementos alt-right (de extrema dereita), antisemita e misóxino. Como xa se ten dito, un nomeamento non sorprendente pero si alarmante.

O fiscal xeral vai ser Jeff Sessions, do que sabemos que é próximo ao Ku-Klux-Klan, algo que nos fai adiviñar que clase de fiscal vai ser, sen moito esforzo. E o director da CIA, Mike Pompeo, partidario de que Guantánamo siga, oposto ao aborto, como Trump, e ás unións homosexuais, que Trump defende.

O nomeamento de Reinus Priebus como xefe do Gabinete da Casa Branca interprétase como procura de boas relacións cos republicanos, dada a súa boa amizade con Paul Ryan, presidente da Cámara de Representantes do Congreso. Diríamos que é o nomeamento máis político dos feitos ata o día de hoxe. O conselleiro de Seguridade será Mike Flynn, para quen E. Snowden, o espía, debe ser condenado a morte.

Todo indica que o comercio internacional vai levar unha volta completa (unha verdadeira catástrofe, no sentido etimolóxico e pode que tamén no usual). Unha cousa é clara: Trump vai facer o que prometeu. O problema é se o seu partido, no que conta con poucas simpatías e algunhas antipatías, llo vai consentir. Agárdannos uns anos moi incertos, esvaradíos.