O machismo que nos degrada


A gran revolución do século XX non é a castrista, que anda hoxe en todos os medios co gallo do falecemento de Fidel. Nin sequera a revolución soviética do 17, que en certa maneira marcou o século todo. A gran revolución liberadora, que non fixo máis ca comezar, aínda que en Occidente podemos dicir que deu pasos irreversibles, é sen dubida a revolución feminina: o recoñecemento dos dereitos igualitarios da muller, a súa equiparación ao home en todos os ámbitos, alomenos no plano teórico, na práctica queda moito camiño por andar.

Escollín a mantenta o termo «feminino», non necesariamente «feminista», para salientar o fenómeno dun xeito xeral, non excluinte, dende as primeiras reivindicacións das sufraxistas no século XIX (inequivocamente feministas) ao traballo nas fábricas substituíndo os homes durante as grandes guerras europeas, a súa presenza nas universidades, nos medios de comunicación, na actividade artística e científica, na dirección e organización de equipos, etcétera, sen esquecer o papel anónimo en tantas economías familiares, no mundo urbano e no mundo rural. Aínda que, repito, quede moito por andar para que o recoñecemento sexa unha realidade práctica, que non precise dun artigo coma este, por exemplo.

E dito todo o anterior, afrontemos unha das vergonzas do noso tempo, máis grave aínda nas sociedades desenvolvidas, onde a formulación teórica da igualdade parece que ninguén discute, mesmo que existan focos de resistencia, como a organización xerárquica da Igrexa católica, por exemplo. A teimosa presenza na crónica de sucesos de violacións ou asasinatos de mulleres a mans dos seus compañeiros sentimentais (casados, separados, divorciados ou parellas de feito) é unha realidade escandalosa que non se refire exclusivamente á sociedade española, senón que se dá en todo Occidente: dende a América Latina ata sociedades aparentemente máis avanzadas como as escandinavas e nórdicas, sen excluír diferenzas sociais ou xeracionais (actitudes entre adolescentes).

¿Cal é o desencadeante básico do problema? A incapacidade, a falta de preparación, a impotencia (en todas as acepcións da palabra), o sentido de inferioridade, a derrota do macho diante da nova situación que considera a muller coma un ser humano, e que arromba ao faiado dos cadrexos todo o discurso histórico sobre o que se fundamentan os principios da sociedade patriarcal na que nos criamos e na que en moitos aspectos nos seguimos criando: alicerces seculares, nalgúns casos milenarios, incluso substentados en principios míticos (relixiosos) que concibiron de sempre a muller coma unha criatura de uso, axente subalterno, cando non escravo.

O cambio histórico, acelerado polos avances científicos (o control de natalidade), produciuse nun período de tempo reducidísimo, apenas tres xeracións, se o comparamos cos miles de anos de sometemento. O erro é pensar que a cuestión afecta a un xénero e non a outro. Igual que o machismo nos degrada, o feminismo é un discurso transversal que nos ha de liberar a todos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos

O machismo que nos degrada