Paternalismo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO EL DEBATE DE INVESTIDURA

OPINIÓN

28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta investidura, a cuxo cociñado asistimos durante case un ano, víase vir durante estes 312 días nos que presenciamos o descuartizamento do PSOE, e mais a cura de realismo de Podemos, a de humildade de Ciudadanos, a de minoría do PP. Pero o do de peito desta mediocritas pouco áurea está na soberbia de quen gobernará en minoría grazas aos despoxos indignos dunha esquerda desubicada; Rajoy enche o peteiro para a súa aria coma se fose o Nessun dorma, pero non vai cantar máis ca unha canción de chiringuito. Velaí o teñen na tribuna, entoando A l’alba vincero desde a súa minoría parlamentar.

Por iso o máis triste é esa fachenda que non o deixa ver que o tempo pasa (pisa) e que a cuestión xeracional chegou ao Parlamento en forma de xente que ten agora a idade de cando el xa era ministro e ninguén o insultou. A fachenda de falar da transición coma se fose un favor que nos fixeron. É moi pouco político tratar a Alexandra Fernández co triste paternalismo de quen non se decata de que, por sorte, o discurso sobre o século XX xa o facemos outros. Señor Rajoy: ter sido educada exclusivamente na democracia é un síntoma de saudable normalidade da que un presidenciable debería aledarse. E se non, dá igual. Con isto tamén poderá sentar e agardar a que pase o tempo, e velaquí o que o tempo lle dirá: que de aquí a pouco haberá máis de trescentas Alexandras no Parlamento e xa non quedará ninguén que escoitase o relato dunha guerra na cea de Noiteboa nin que votase por primeira vez aos corenta anos. Como debe ser.