Cómpre lembrar, sobre todo nestes tempos, a clásica definición de orador, presente en tratados e manuais desde o século II antes de Cristo, a data na que Catón o Censor escribiu os Libri ad filium. Dirixíndose ao seu fillo, Marco, explícalle: «Orator est, Marce fili, vir bonus dicendi peritus», que, no noso romance, sería «O orador é, Marco, fillo, o varón bo (honrado) experto no falar (con pericia nas artes do dicir)». Eu convoco hoxe, nesta columna, esta clásica definición porque desde hai un ano, nalgúns centros de ensino de Galicia, en primeiro ou segundo cursos da ESO, a Oratoria é materia optativa. Cónstame que se imparte nalgúns institutos. Supoño que o profesorado porá o acento, e fará ben, nas clásicas funcións da Oratoria: probare (probar), delectare (deleitar ou agradar) e movere (conmover). Pero o vello Catón, Censor por moralista, entendía que o orador tiña que ser un vir bonus, un home de ben, un home honrado, un utilizador da palabra deleitosa e conmovente que fose dita, sempre, desde premisas nobres: a arte ao servizo da verdade, e a verdade como conditio sine qua non para exercer o oficio literario da elocuencia.
Como os saberes escolares deben vincularse, na medida do posible, á historia e á vida, sen excluír a actualidade, a vella definición latina faralles ver aos alumnos de hoxe que a oratoria presente, nomeadamente a política, exércena profesionais da palabra moi afastados do vello e nobre aforismo clásico.
Se a nova materia escolar serve tamén para non esquecer algunhas secuencias das Letras clásicas, o profesorado de hoxe terá que beber noutro aforismo latino: «Orator fit, poeta nascitur» (O orador faise, o poeta nace). Tamén a bondade e a honradez son unha conquista persoal.
Ignoro se existe un manual ou libro de texto sobre a oratoria en Galicia, agora que é materia -aínda que optativa- nalgúns dos nosos centros de ensino secundario. Sería moi pedagóxico que nese manual, ademais de fragmentos especiais de discursos galegos importantes, figurasen textos nos que os nosos oradores definen, na praxe ou na teoría, o feito oratorio. Eu procuraría os de Otero Pedrayo, nun tempo o Verbo do país, e salientaría os de Suárez Picallo, de quen dixo Ortega y Gasset que era «una voz pegada a un hombre». Foi no ano 1931, cando o noso tribuno falou por primeira vez, como deputado, nas Cortes Constituíntes da II República española.