Os deberes son beneficiosos


O debate sobre os deberes escolares segue a enfocarse dunha maneira demasiado xeral, sen ter en conta que a súa problemática é diferente segundo o tipo de alumno e a etapa educativa na que se atope. O horario de traballo na aula pode ser suficiente para que algúns estudantes adquiran as competencias e coñecementos necesarios, pero para outros non. Neste caso é esencial que dediquen un tempo na casa a repasar ou a realizar exercicios, co fin de recuperar, completar ou afianzar as aprendizaxes correspondentes. Os deberes, xa que logo, han ter relación coas tarefas da aula, estar moi ben preparados polos docentes e adaptarse aos casos individuais. E os alumnos deben ser capaces de realizalos sen axuda, o que ademais diminúe a discriminación que supón o nivel cultural da familia.

Os deberes, progresivos desde primaria, contribúen a fomentar o hábito de traballo intelectual, pero non poden converterse nunha pesada carga que provoque rexeitamento e tensión, pois acabarán sendo unha das principais causas do fracaso escolar. Para evitalo, as tarefas han ser atractivas e motivadoras e o alumno ten que dominar os tres piares que lle permiten traballar autonomamente: lectura, expresión e razoamento. Sen eles, os deberes non teñen sentido e mesmo resultan prexudiciais, como ben saben os mestres.

Preocupa tamén ás confederacións de pais que o tempo dedicado aos deberes impida xogar aos rapaces. Non obstante estes non son os datos da realidade, pois máis dun 50 % dos nenos están diante do televisor unhas dúas horas ao día e os adolescentes navegan por Internet aínda máis, sen contar o tempo dedicado aos videoxogos. Polo tanto, o que de verdade temos que preguntarnos é se lles queda tempo para facer os deberes e xogar despois do uso das novas tecnoloxías. O xogo que necesitan para a súa normal madurez debe implicar exercicio físico e socialización, non sedentarismo e illamento.

Se o desexo é que os fillos fagan os mellores estudos que poidan, os deberes escolares, nas condicións expostas, son necesarios e beneficiosos e non teñen por que restar un ápice do seu ocio e felicidade. Pero para conseguilo é preciso que os pais teñan un control sobre os tempos dos fillos, fomentando unha planificación racional das actividades cotiás. Descontadas as horas dedicadas ao centro escolar, quedan suficientes para xogar, facer os deberes e mesmo gozar das novas tecnoloxías, pero sempre cunha supervisión que poña límites.

Votación
18 votos

Os deberes son beneficiosos