A dimisión de Suárez

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

siro

Desde a reunión co Rei en Baqueira, Suárez sabía que perdera a súa confianza. O encontro non fora cómodo para ningún porque o Rei lle pediu, unha vez máis, que Armada volvese a Madrid e o presidente, unha vez máis, negouse.

O día 26 Suárez reuniu aos compoñentes do sanedrín da UCD -Cabanillas, Ordóñez, Martín Villa, Pérez Llorca, Calvo Ortega, Arias Salgado e Calvo Sotelo- e comunicoulles a súa inminente dimisión. Fíxoo sereo, recoñecendo os erros cometidos, as dificultades de gobernar coa crise económica, carecer de forzas para seguir, sentirse doído por ser o centro de tantos ataques e tanto odio, e non querer que os fillos visen nel un home aferrado ao poder.

Un dos presentes comentoulle ao xornalista José Oneto que despois daquela intervención todos estarían dispostos a asinarlle un cheque en branco para que presidise o partido por tempo indefinido; pero o día seguinte Suárez foi cedo á Zarzuela para falar con Sabino antes de xantar co Rei e informouno de que viña presentar a dimisión. Quería que o secretario da Casa Real e os membros do sanedrín soubesen que dimitía por propia vontade, e así o salientou no discurso televisado o mesmo día:

-Me voy sin que nadie me lo haya pedido.