Pronto celebraremos o día da Otorrinolaringoloxía. Non é unha xornada mundial, nin autonómica, nin sequera de ámbito provincial. É unha ocorrencia da cuadrilla para botar unhas risas á miña conta. Din que nunca se falou tanto da ciencia do oído en Verín. Sucedeu en novembro de 1996, cando ganei o Premio Torrente Ballester. A tía Coca xa era velliña. Ía con ela aos médicos e faltábanme horas para darlle bicos. Co tempo foi perdendo oído e unha das consultas rutinarias era co meu sabio amigo o doutor Herrero Laso, otorrinolaringólogo do hospital de Verín. Ir ao otorrino, coa tía Coca, era un costume. Ela usaba as palabras ao seu modo. Xa contei que Zubizarreta era Zorreta e Maradona, Madona. Tiña un afán, involuntario, por recortar os substantivos. Así, cada vez que subía no coche para ir ao hospital, dicíame: Xa me levas ao torrino outra vez. O torrino era un hábito. Igual que falar do seu sobriño en todas partes. Se publicaba un libro, ía con el por todo Verín amosándollo ás amigas. Se daba unha conferencia na Casa da Cultura, corría a vila para que non faltase público. En novembro de 1996, repito, ganei o Torrente Ballester de literatura. Ao día seguinte saía a miña foto na Voz e Rodri García daba conta da noticia. A tía Coca emocionouse de verdade. Recortou a plana do periódico e saíu correndo. Percorreu rúas, supermercados e bares. Finalmente entrou na pescadería do Toribio e amosoulle a páxina a Celita, a nosa pescadeira de toda a vida. Mira Celita, dixo amosándolle a Voz e estirando ben o papel. O teu sobriño, dixo Celita, ¿que pasou? A tía Coca tomou aire e con orgullo materno proclamou: ¡Ganou o premio Torrino! Nunca se falou tanto en Verín da ciencia do oído.