Havana

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Antonio é o máis agudo da cuadrilla. E se dá unha palabra, non a cambia: testán. Antes de que fales, Antonio contesta. Despacha copas con garbo no pub máis country de Verín, feito de rock e melancolía, coa madeira tallada por un gran carpinteiro, pescantín e mellor persoa, seu pai, o Chena. Cando de nenos iamos ás cereixas, era o primeiro en escapar se aparecía o dono co cinto na man. E se preguntaban ao día seguinte, contestaba que non saíra da casa e botábame a min a culpa. Casou co único amor da súa vida, a muller cos ollos máis lindos do val (ata que naceu María, que cando abre os ollos sae o sol). Estivo a piques de traballar no Corte Inglés de Vigo. O encargado coñeceu a súa lingua marabillosa nunha proba. Foi quen de venderlle un traxe con gravata e abrigo a un home que entrara a comprar uns calcetíns. Estreou motos fantásticas. Agora anda nunha Harley espléndida. Explícanos cilindrada, carenado, neumáticos, carburación e nós dicímoslle «si, Toño, si». Fíxonos chanzas de todo tipo. Con dicir que ten convencida á clientela de que é el quen me escribe as novelas, está todo dito. Sempre se burlou de nós. E ninguén pode burlarse de Antonio. Ata que unha noite outro hostaleiro de Verín, Javier, pediu unha botella de ron Havana no seu pub. El imaxinou que era de prestado: Xa ma devolverás. Non, págocha, Antonio. Quince euros, o que me custou a min. ¿Só quince euros? Se digo quince, son quince, dixo Antonio. Javi sacou un rotulador e escribiu o seu nome na etiqueta. ¿Que fas?, preguntou Toño. Ponme un vaso con xeo e gárdame a botella, respondeu o colega. Dende aquel día, Javier bebe as copas de ron máis baratas de Verín. Se Antonio dá unha palabra, non a cambia, non.