María José

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Faltan só dez anos para que a mina filla de tres anos teña á idade que tiña María José Abeng cando quedou embarazada. Só dez anos despois da época de xogar ás construcións de pezas grandes e precisar un coliño reparador, María José converteuse en nai, e neses dez anos non se deixa de ser unha nena. Nin sequera deixou de selo agora, probabelmente, cando ten dezanove, un fillo de catro e un pesadelo ás costas. Estaba tutelada polo Estado porque María José era rebelde, disque, pero sobre todo porque a súa nai era pobre. ¿De que querían salvar a María José? ¿Dunha nai que lidaba coa pobreza e unha adolescente? Ao mesmo Estado que a declarou en desamparo tendo nai, ¿importoulle algo que quedase embarazada aos catorce anos nun centro de menores? Teño noxo dese concepto de amparo. E o seu meniño, ao que non lle deixaron nin ver cando naceu, ¿de que o salvaron con este baile de reclamacións?

A historia de María José, a súa nai e o seu fillo non é diferente da historia de moitos migrantes que pecan de negritude e pobreza cando chegan aquí. Porque está prohibido ser negra, pobre e rebelde. E seguramente, tamén tentaron prohibirlle ser europea a pesar de que vive aquí desde os 2 anos. Para iso fixeron como facían os primitivos: arrincarlle o seu fillo e botala aos leóns, co orgullo de crerse salvadores do meniño. Cando queremos, o que temos de europeos quédanos ben.