Fálelle galego

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

22 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Felicito de corazón ao presidente pola próxima chegada do seu bebé. Aínda que agora pense que non, a presidencia, o smartphone e Galicia enteira pasarán a un segundo plano non só o día que naza, senón esoutros días normais, ao chegar á casa e atopar un ser que agora e durante uns anos non só non saberá nada de política, senón que lle dará igual a Xunta, o PP, as campañas electorais e, en fin, calquera cousa que non sexa el. Entón o presidente entenderá que a vida tamén era iso, e será incluso máis feliz. Dillo unha experta con bibliografía sobre o tema.

Pensaba niso o outro día a conta do debate entre candidatos, cando quedei tristeira escoitándoos a todos torturando a lingua galega en prime time. Unha mágoa sentir que a aqueles que desexan representarnos lles dá igual a corrección na lingua que aínda falamos a maioría dos seus votantes.

E aínda así, a lingua debería perpetuarse con eses vimbios. A supervivencia do galego xa non depende da corrección, senón do uso, e o fillo do presidente Feijoo demostra antes de nacer o reto no que nos achamos. Pero eu teño esperanza. Benquerido Alberto, fálelle galego, aínda que sexa mal. Poden axudalo os mestres do ensino público medio esnaquizado pola Lomce no que, mal que ben, sobrevive a nosa lingua.

Pero estabamos falando de que o seu fillo fará que pense que hai un mundo máis alá da Xunta e da política que nin sequera imaxina.