A xente dos libros

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

15 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Axente que andades cos libros... sodes uns tipos un tanto raros. Iso, así xustamente, foi como me definiron. O malo non é que o fixera unha persoa, xa llo teño escoitado, con certas variantes, a máis de un. Friki, de feito, é do máis lixeiro que me pode caer.

E que queren que lles diga? Igual somos raros a morrer. Pero xa se sabe, coas cousas do corazón, non lles hai moito que razoar. Nada, nin o intenten. Como lles pique o becho da literatura, teñen o veleno dentro de por vida.

Miren o caso de Robert Morin, bibliotecario de Dimond, pertencente á Universidade de New Hampshire. Era un home tranquilo e agradable, pero que estaba infectado dese vicio da lectura. Tal é así que debeu ler practicamente todas as novelas publicadas nos Estados Unidos nunha década. A achega da lectura na súa vida debía ser tan importante que apenas precisaba gastar máis ca para comer, aloxarse e vestirse. A herdanza que deixou tras o seu pasamento superaba os tres millóns e medio de euros.

Tal patrimonio recaerá integramente na universidade na que traballou toda a súa vida. Deixou expresamente indicado que boa parte do seu legado debía investirse na compra de novos libros para a biblioteca e a creación de becas para o alumnado. Aínda queda moito para outras necesidades do centro.

O bo de Robert quixo devolverlle aos libros que tanto coidou algo do agarimo que estes lle deron. Máis ca raro, ten un corazón inmenso.