A exemplaridade necesaria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha destas mareas de domingo, o pasado 10 de abril, titulada Panamá, recuperaba un dos vellos diálogos de Platón (novísimos diálogos de hai 2.500 anos) no que Fedro pregunta a Sócrates polas artes do discurso: «Como seducir as audiencias?». «Dicindo a verdade», responde o filósofo. Dicindo a verdade e comportándose conforme a palabra que se manifesta. Se nalgún momento as audiencias, os electores, perden a confianza (a credibilidade) no emisor, o fío da relación rompe, e unha vez roto dificilmente se recupera. Pasa igual coas persoas e mesmo cos medios de comunicación. A credibilidade dunha cabeceira xornalística, ou dunha columna de opinión, é o alicerce que a sostén e a xustifica.

Falaba daquela das contas de determinados personaxes da vida pública en Panamá e noutros paraísos fiscais, e subliñaba unha cuestión que me parece capital: a exemplaridade dos políticos. Dito doutro xeito: a exemplaridade daqueles que pretenden un liderado na vida pública e, por riba, piden a nosa confianza para exercelo. A vida democrática fundaméntase neste principio. Dámoslle a confianza aos que nos representan para que administren esa representación e actúen por nós en consecuencia. ¿Qué pasa cando quebra esa confianza? Que o modelo esborralla, e hai que empezar a pensar en cambiar de xente.

Os políticos teñen dereito a equivocarse, igual que calquera outra persoa. Podemos aceptar o erro na xestión, mesmo que as cousas non saian como as planeamos. «A fortuna é caprichosa e adminístrana os deuses como lles peta», dicía César Borgia. Certo. Mais cando xorde a desconfianza, cando aparece o engano ou, simplemente, cando a audiencia (a sociedade) percibe o discurso como una trampullada, desculpa permanente, cambadela retórica, tinta de lura ao servizo dos intereses particulares (de persoas ou de grupos), non ao servizo do común, daquela o sistema ten unha vía de auga moi seria.

Cada vez hai máis xente que considera a posibilidade de que se celebren terceiras eleccións, mesmo unhas cuartas, se os resultados teiman na mesma, e non parece que haxa grandes razóns para albiscar mudanzas, agás que alguén traballe para que, por aborrecemento e canseira, a xente acabe ficando na casa. Mal asunto, en calquera caso. Non estou a falar das eleccións galegas. Falo das eleccións para o conxunto do Estado. Trancadas case que todas as saídas, dinamitadas todas as pontes, ¿que credibilidade teñen os señores candidatos para seguir presentándose (cos mesmos discursos, coas mesmas xenreiras)?

No próximo mes de outono anúnciase un calendario certamente impresionante de causas xudiciais, algunhas moi graves, perante as cales o seus responsables (políticos ou penais) chantan o ventilador ou miran para outro lado. Nunca tal se viu na democracia, malia que alguén pense que un mañizo de votos serve para lavar a cara. Volvo a Sócrates. A saúde do sistema sostense sobre a verdade. E sobre a credibilidade dos que defenden e explicitan a verdade, sen reviravoltas, sen trapalladas. A dignidade tamén se manifesta marchando para casa.