As fronteiras da morte

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

04 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A morte, o tributo que os seres vivos temos que pagar para facer posible a evolución, é un proceso complexo. En épocas considerábase que unha persoa estaba morta se se lle paraba o corazón e a respiración, pero, como todos sabemos, hai casos nos que se pode dar marcha atrás e reactivar a vida. ¿En que momento preciso remata a vida sen volta atrás? Tense avanzado moito, pero as fronteiras do proceso de falecemento aínda están sendo obxecto de estudo.

Hai uns meses, uns investigadores interesados en calibrar un novo método para medir a actividade xenética fixeron un descubrimento curioso. Aplicaron o método a algúns animais mortos (ratos e peixes) e atoparon que hai un aspecto da vida que continúa despois da morte: algúns xenes continúan activos días despois do falecemento. Non só iso, aumentan a súa actividade logo da morte e poden manterse activos ata catro días despois.

Eses xenes están implicados nos procesos de emerxencia, o cal é lóxico: tarefas para reforzar o sistema inmune ou mesmo tarefas que involucran os procesos de crecemento, como no proceso embrionario, o cal non deixa de ser un paradoxo rechamante. Os investigadores comentan que certas condicións celulares dos mortos recentes poden recordar as dos embrións. O descubrimento pode ser útil para mellorar as técnicas de conservación de órganos doados para transplantes, e mesmo no eido da ciencia forense, xa que estas medidas de actividade xenética poderían permitir estimacións máis precisas do momento da morte.