A única resposta

Lara Méndez ALCALDESA DE LUGO

OPINIÓN

28 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Para cambiar as cousas. Esa é e será a única resposta válida á pregunta de para que estás en política ou, para que te presentas ás eleccións. A vocación para traballar polo servizo público tense ou non e, unha vez que se ten a resposta sempre é que queremos cambiar a realidade que nos rodea.

Os 230.000 desempregados, o 50 % de paro xuvenil, a emigración masiva, os 90.000 afiliados menos á seguridade social, a renda per cápita 3.000 euros menor que a media dos españois, os 667.000 galegos en risco de pobreza ou exclusión social, o desmantelamento do potencial industrial de sectores estratéxicos como o dos estaleiros, miles de granxas pechadas, o prezo do leite en mínimo histórico, record en hectáreas queimadas, corrupción...

A resposta segue sendo a mesma: para cambiar as cousas. O PSdeG preséntase nestas eleccións fronte a Feijoo e para cambiar as políticas levadas a cabo polo Partido Popular que obviaron que é obrigación das administracións protexer e resolver os problemas aos cidadáns máis se cabe, nun contexto de crise económica como a actual.

Cada día vemos como o deterioro da educación e a sanidade pública está a afectar a máis persoas, mentres os responsables do Partido Popular miran para outro lado e incluso adoptan medidas que empeoran a calidade deses servizos públicos esenciais. En Galicia os piares do estado do benestar, que tanto nos custou a todos conseguir, están cada día máis saqueados por aqueles que queren acabar cos principios de solidariedade e igualdade que os fundamentan.

E neste contexto a política é máis necesaria que nunca para resolver os problemas da cidadanía, uns cidadáns que sofren día a día os continuos recortes levados a cabo polo goberno de Feijoo, que repercuten especialmente en todas aquelas persoas que peor o están pasando e que necesitan un cambio de políticas. E é aquí, onde o PSdeG está presente cun gran equipo de mulleres e homes dispostos a establecer un novo pacto social para Galicia.

O PSdeG non é un experimento. Non sumamos nomes nin confluímos para lograr unha cadeira. Somos persoas correntes chamadas a realizar de maneira conxunta algo extraordinario: devolver a esperanza de futuro ao noso país.