Moi pouca seriedade

OPINIÓN

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo pon de manifesto o escaso ou nulo valor que os políticos dan ás súas opinións, aos seus xuízos e ás súas manifestacións, aínda que se trate de asuntos moi graves para a xeneralidade dos cidadáns. É como se todo dependese de onde veña o vento. Pero a súa pouca seriedade semella non importarlles nin pouco nin moito.

Co meirande dogmatismo posible, un partido condena ao lume eterno a outro por ter chegado a un pacto cos nacionalistas para nomear presidenta do Congreso, con todos os tópicos propios do caso (a intanxible unidade, esgazamento do territorio, rompemento de todo...); pero o outro partido, o que antes criticaba, fai agora o mesmo cedendo deputados para que nacionalistas teñan grupo propio no Congreso, esquecendo os mesmos tópicos que onte usou.

Ao parecer, a política chega a embazar tamén as mentes que un agardaba que fosen lúcidas, e moi graves catedráticos, na prensa da capital, sentan cátedra sostendo que dos pactos de goberno que cómpren neste momento deben quedar fóra os nacionalistas, por mor das esixencias imposibles que formularán, sen dicir cales. Pero, ¿quen son os excluíntes?

Como se xa tivésemos esquecido que todos os gobernantes da democracia chegaron a pactos cos nacionalistas, que estes colaboraron sempre moi eficazmente na gobernabilidade do país e que foron decisivos no afianzamento do sistema que sucedeu ao franquismo. Infelizmente, tiña toda a razón Goebbels: a xente ten moi mala memoria.

E non só a xente, senón tamén moitos que deberan contribuír á claridade e non á confusión interesada, que serven intereses e ocultan a verdade, enchendo as mentes de inmundicia e convertendo o país nunha esterqueira espiritual. Formar novo Goberno, diante de todo isto, parécenos unha cuestión máis ben pequena.