Puñaladas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Algunha vez síntome foráneo en Verín e nativo, con certificado bautismal, en calquera parte. Pásame en agosto. Cada abrazo que dou é un abrazo de despedida: como se quixera irme a unha illa deserta, escapando. Levaría ningún libro (en ocasións sinto que os libros son tiranos) e unha lanza de curiosidade. Aínda non a perdín, por fortuna. Contemplo a vida como se fose a primeira vez e quero determe nuns ollos que miren os meus. Non os encontro. Agosto é un mes para adolescentes. Para namorarse con sinceridade e pensar morrer de amor, irrespirablemente. Aos 53 xa só me namoran os recordos, qué desventura. O silencio, as cousas menores, unha caricia. Intento escapar dos lugares onde o ruído convoca festivais de ocio e impaciencia. E reclamo que chegue setembro atoutiñando, lento e marrón. Non estou feito para agosto. Nel síntome estranxeiro, como en Verín algunhas veces. Parece todo tan verdade que chego á conclusión de que todo é mentira. Non me emocionan estas emocións compartidas: festas, refestas, verbenas, bombas de palenque e sesión vermú con pincho de resaca. Levo semanas afirmando que estou maior. De non ser así sería incomprensible este estado no que ando: distante. Explicoumo unha muller que coñecín hai moitos anos: cargada de saber, Venezuela, neon, güisqui barato e luz de carretera. Eu aínda non cumprira os trinta. Te queda poco para hacerte viejo, escritor. Por qué, pregunteille. Porque te recuerdo a los catorce, en la misma barra, y ya vas para los treinta. Eu seguía sen entender. Finalmente dixo: la vida es corta para los que empiezan a vivirla antes de tiempo. Este agosto, no que me sinto estranxeiro, veñen aquelas palabras á miña memoria. Como puñaladas.